Esta semana, do 7 ao 9 de xullo, desenvolverase en diferentes localizacións na nosa terra (a Cidade da Cultura en Santiago, a Escola Naval de Marín e o Centro de Investigación Aeroportada das Rozas -o CIAR de Castro de Rei, en Lugo-) o evento UNVEX 2021, que sería a máis relevante cita das centradas, no ámbito estatal, nos vehículos aéreos non tripulados. Celébrase coa colaboración directa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Polo Aeroespacial de Galicia. Dará acubillo aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector.
En concreto, ten confirmadas preto de 70 firmas expositoras que amosarán as súas novidades tecnolóxicas nos máis de 2.500 metros cadrados de exhibición, entre as que destacan compañías referentes do sector aeroespacial así como pequenas e medianas empresas e operadoras.
A axencia GAIN destaca que a elección de Galicia para esta sexta edición de UNVEX supón “un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos cinco anos no Polo Aeroespacial de Galicia para converter a industria aeroespacial nun dos sectores estratéxicos da rexión e unha proba de que xa somos unha referencia no mapa da industria dos sistemas e vehículos non tripulados”.
O congreso celebrarase en parte na Cidade da Cultura, onde collerá corpo un completo programa de conferencias e amosaranse as novidades presentadas por máis de 60 empresas na área de exposición, incluídos os avances da industria galega do sector. Amais, desenvolveranse ademais no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e na Escola Naval de Marín demostracións de sistemas e vehículos aéreos e mariños non tripulados.
Como dixemos, o obxectivo é impulsar dende aquí a industria dos vehículos aéreos non tripulados, un sector que xerará 1.200 millóns de euros en 2035.
UNVEX 2021 contará con 120 relatores en 22 sesións que se organizan por bloques sobre Aplicacións públicas e usos comerciais, que centrarán as conferencias do primeiro día; sendo a temática Defensa, Seguridade e Emerxencias a cuestión que vertebre a segunda xornada. O evento rematará cunha sesión de divulgación, aberta ao público, durante a mañá do día 9 de xullo.

A iniciativa da Xunta para o impulso dunha industria dos vehículos non tripulados baseada na I+D+i, posta en marcha en 2015 e coa continuidade garantida a través da Estratexia 2021-2025, terá unha destacada presenza en UNVEX, coa participación de representantes de empresas e centros de coñecemento na área de exposición, no programa de conferencias e nas exhibicións.
Ademais, a Business Factory Aero, a incubadora e aceleradora de proxectos especializada en vehículos non tripulados da Civil UAVs Initiative, xogará un papel relevante en UNVEX cun mostrador propio e dez dos seus proxectos expoendo as súas ideas e avances con pequenos relatorios na zona Ágora do evento durante toda a mañá do mércores 7 e o xoves 8 de xuño.
Demostracións marítimas e aéreas
UNVEX conta cun amplo programa de demostracións. O evento desprazarase na tarde do 8 de xullo á Escola Naval de Marín onde se realizarán catro exhibicións de sistemas de superficie e un sistema aéreo deseñado especificamente para operar desde embarcacións.
O 9 de xullo, trasladarase ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), no que se poderán ver oito sistemas de ala fixa e ala rotatoria e un sistema contra UAS.
UNVEX será tamén escenario dunha presentación de Ellas Vuelan Alto, a asociación de profesionais do sector aeroespacial que traballa para fomentar a igualdade neste eido con actuacións dirixidas a aumentar a participación da muller na vida pública e profesional, desenvolver proxectos que acheguen visibilidade á muller e recoñecemento ás súas competencias, incentivar a creación de redes de mulleres en empresas do sector ou fomentar as profesións do sector aeroespacial entre as novas xeracións de nenas e mozas.
UNVEX 2021 converterá en epicentros da industria dos drons a Cidade da Cultura, a Escola Naval de Marín e o CIAR
Compartir Este Artigo

