Comezou finalmente o campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole, o T2W (Tecnópole Technological Workshops), que chega esta semana (e a seguinte) á novena edición da man do Parque Tecnolóxico de Galicia e a Consellería de Economía (Axencia Galega de Innovación, GAIN). O evento científico, divulgador, creativo e participativo prolongarase ata o vindeiro 16 de xullo. Están a participar un total de 25 rapaces de entre 12 e 18 anos. O campamento celébrase de luns a venres, en horario de 10:00 a 18:00 horas.
Durante 10 días, entre outras actividades, os asistentes terán a oportunidade de iniciarse en programación e robótica, tamén poderán construír foguetes de auga, achegarse ao universo 3D, enfrontarse a diversos retos STEAM (traballaranse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de xeito multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas), iniciación aos microbits (microordenadores de peto), xunto ao desenvolvemento de experimentos e prácticas de laboratorio. Ademais de todas as actividades e os materiais tecnolóxicos e científicos, inclúese tamén o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense, a comida e o acceso diario á piscina do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Novamente as diferentes propostas están dirixidas por recoñecidos expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver nesta edición. Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia salientan que “a través do campamento T2W búscase favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude, potenciar o intercambio de experiencias creativas e innovadoras entre os mozos, ademais de incrementar a interacción entre os rapaces e o mundo científico”.
Arrinca a novena edición do campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole, o T2W
Compartir Este Artigo

