Esta mañá inaugurouse en Santiago, na Cidade da Cultura, o evento UNVEX 2021, que sería a máis relevante cita das centradas arestora, no ámbito estatal, nos vehículos aéreos non tripulados. Celébrase coa colaboración directa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Polo Aeroespacial de Galicia, dando acubillo aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector. O encontro foi inaugurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que anunciou un novo impulso para o Polo Aeroespacial de Galicia, pulo que se materializará co inicio dos trámites para seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para os vindeiros cinco anos.
“Este mesmo mes de xullo faremos pública esta licitación cun orzamento de partida de 40 millóns de euros e coa previsión de firmar entre catro e oito acordos”, explicou durante a inauguración na Cidade da Cultura de UNVEX 2021, engadindo que este prego será “un instrumento para canalizar o futuro financiamento dos fondos Next Generation, volvendo a innovar no mecanismo de colaboración público-privada e nas políticas de apoio á innovación”.
Sobre este punto, recordou que “Galicia lidera a compra pública innovadora en España, con proxectos en execución por importe de 250 millóns de euros na última década”; e, no caso concreto do Polo Aeroespacial, engadiu que “a compra pública innovadora favoreceu a implantación de grandes empresas e o crecemento de pemes do sector”.
Respecto da nova andaina, Feijóo fixo saber que o novo empuxe que se dará ao sector “xirará arredor dunha prioridade, a creación e ampliación de mercados para as empresas galegas”. E engadiu: “Esta nova licitación desenvolverá un novo modelo de colaboración entre o sector público e o privado, pero tamén entre os distintos tipos de empresas e centros de coñecemento para fomentar a incorporación das pemes ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras do sector aeoroespacial, así como coas universidades e outros centros de investigación xeradores de coñecemento”, precisou, incidindo en que a participación de empresas e centros de coñecemento seguirá a ser clave, como o foi no anterior período do polo”.
UNVEX 2021
UNVEX 2021 dará acubillo estes días aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector. En concreto, ten confirmadas preto de 70 firmas expositoras que amosarán as súas novidades tecnolóxicas nos máis de 2.500 metros cadrados de exhibición, entre as que destacan compañías referentes do sector aeroespacial así como pequenas e medianas empresas e operadoras.
O congreso celebrarase en parte na Cidade da Cultura, onde collerá corpo un completo programa de conferencias e amosaranse as novidades presentadas por máis de 60 empresas na área de exposición, incluídos os avances da industria galega do sector. Amais, desenvolveranse ademais no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e na Escola Naval de Marín demostracións de sistemas e vehículos aéreos e mariños non tripulados.
O obxectivo é impulsar dende aquí a industria dos vehículos aéreos non tripulados, un sector que xerará 1.200 millóns de euros en 2035.
UNVEX 2021 contará con 120 relatores en 22 sesións que se organizan por bloques sobre Aplicacións públicas e usos comerciais, que centrarán as conferencias do primeiro día; sendo a temática Defensa, Seguridade e Emerxencias a cuestión que vertebre a segunda xornada. O evento rematará cunha sesión de divulgación, aberta ao público, durante a mañá do día 9 de xullo.
Demostracións marítimas e aéreas
UNVEX conta cun amplo programa de demostracións. O evento desprazarase na tarde do 8 de xullo á Escola Naval de Marín onde se realizarán catro exhibicións de sistemas de superficie e un sistema aéreo deseñado especificamente para operar desde embarcacións.
O 9 de xullo, trasladarase ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), no que se poderán ver oito sistemas de ala fixa e ala rotatoria e un sistema contra UAS.
UNVEX será tamén escenario dunha presentación de Ellas Vuelan Alto, a asociación de profesionais do sector aeroespacial que traballa para fomentar a igualdade neste eido con actuacións dirixidas a aumentar a participación da muller na vida pública e profesional, desenvolver proxectos que acheguen visibilidade á muller e recoñecemento ás súas competencias, incentivar a creación de redes de mulleres en empresas do sector ou fomentar as profesións do sector aeroespacial entre as novas xeracións de nenas e mozas.

