A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este venres 9 de xullo o encontro dixital Somos Biosfera – dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, un foro organizado para conmemorar os 50 anos do programa MaB da UNESCO, no que a Deputación de Lugo difundiu o traballo realizado nesta Reserva da Biosfera e as accións futuras para “seguir favorecendo o equilibrio entre a conservación do territorio e o seu desenvolvemento sustentable”.
Os encontros dixitais Somos Biosfera, que a pasada semana estiveron centrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, foron promovidos polas Reservas da Biosfera de Galicia e organizados polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa colaboración da Deputación.
A xornada desta mañá, na que se inscribiron 40 persoas, contou coa participación do cineasta Oliver Laxe, como representante da asociación SER, que forma parte da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, co catedrático da USC Antonio Rigueiro, técnico do órgano reitor desta reserva, e coa técnico do servizo provincial de Medio Ambiente Andrea Macho Benito.
Pilar García Porto destacou o compromiso da Deputación de Lugo co coidado da natureza, que “abre un abano de posibilidades infinitas para o rural xa que, a conservación das paisaxes non é un proceso estático, se non que é unha acción participativa, na que a recuperación supón a posta en valor da natureza, da historia, do patrimonio cultural e das tradicións”. Tamén enxalzou as posibilidades da “xestión intelixente do territorio”, que converte ese coidado “nunha fonte de progreso e de desenvolvemento sustentable para a veciñanza e para o territorio”.
En canto ao futuro, García Porto destacou que “se está avanzando na creación dunha marca propia Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, para incrementar a difusión e a competitividade dos produtos e dos servizos da zona, recoñecendo e impulsando a súa calidade”.
A Deputación de Lugo mostra o futuro da Reserva dos Ancares Lucenses nun foro dixital
Compartir Este Artigo

