Tralo o éxito das edicións anteriores, tanto en materia de participación como en materia de repercusión, a empresa tecnolóxica Altia e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC volven unir forzas para premiar o talento dos nosos novos investigadores e desenvolvedores. Estamos a falar da convocatoria da terceira edición do Altia Premia TFG, un novo galardón de 1.500 euros a un Traballo Fin de Grao defendido durante o curso 2020/2021 do Grao en Enxeñaría Informática.
Ao abeiro desta nova convocatoria Altia recorda que “o proxecto de fin de carreira serve como colofón final para pór en práctica os coñecementos adquiridos durante os duros anos de esforzo académico, pero tamén serve como a túa carta de presentación e como punto de partida de grandes ideas que poden cambiar o futuro”.
A empresa fai un chamamento ás persoas interesadas para participar nesta terceira edición do premio, que é un xeito de albiscar as que serán algunhas das principais contribucións tecnolóxicas galegas ao desenvolvemento das tecnoloxías da información.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de outubro de 2021.
Quen queira obter máis datos sobre o certame, pode obtelos na web de Altia.
Altia e a ETSE da USC convocan a terceira edición do seu premio ao mellor TFG en Enxeñaría Informática
Compartir Este Artigo

