O Concello de Ribadeo presentou os días pasados un catálogo interactivo de produtos e servizos para o peregrino. Trátase de Ribadeo, prepara o teu camiño, un servizo turístico no que participan medio cento de empresas locais. No acto compareceron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso. E asistiron representantes das firmas adheridas, que se converten, coa súa adhesión, en Establecementos amigables co peregrino. “Grazas ás novas tecnoloxías os camiñantes poderán selar as súas credenciais cos seus dispositivos móbiles”, explicaron dende o Goberno local.
Vizoso Galdo engadiu que este proxecto forma parte doutro proxecto tamén desenvolvido polo Concello, o obradoiro Ribadeo Alén do Camiño, e “nace cando nos paramos na Concellería de Turismo a analizar o que podemos considerar unha serie de evidencias: en primeiro lugar que o Xacobeo 2021, ampliado ao 2022, ía constituír unha oportunidade marabillosa e excepcional, de gran repercusión internacional; a segunda evidencia era que o Camiño Norte a Santiago, que foi declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade hai uns anos, ten en Ribadeo un dos puntos significativos do seu percorrido porque o noso concello é a porta norte desde camiño, é a entrada en Galicia do Camiño do Norte cara a Compostela”. O concelleiro tamén puxo o foco nunha terceira evidencia e nunha cuarta: “Por unha banda, que estamos ante un Camiño en crecemento constante porque esta ruta é a terceira en importancia, tanto só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués; e pola outra que os peregrinos utilizan Internet e os dispositivos móbiles cada vez con máis frecuencia, par consultar e buscar datos sobre o Camiño e para preparar e organizar o seu itinerario”.
Sobre estes vimbios, o Concello elaborou o devandito catálogo, un servizo no que se puxo ao peregrino como principal protagonista e que se quixo elaborar “contando co meirande número de establecementos locais para que sexades tamén vos protagonistas desta experiencia”, sinalou.
O catálogo interactivo ten unha tripla finalidade: en primeiro lugar desenvolver unha serie de produtos e servizos pensados especificamente para o peregrino; potenciar a imaxe de Ribadeo como punto de inicio do Camiño; e a terceira, desenvolver un modelo de xestión sustentable cos valores xacobeos e da figura do peregrino e que isto funcionase todo como núcleo central de todo o proceso de deseño e de concentración dos produtos especiais.
O concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local seguiu a relatar que “hoxe este catálogo conta xa con case medio cento de participantes, pero non é un proxecto pechado. Todo o contrario, é un proxecto aberto co que o Concello pretende ir periodicamente actualizando os datos e incorporando novos establecementos adheridos”.
Ribadeo achega un catálogo interactivo de servizos para os peregrinos
Compartir Este Artigo

