A Axencia Galega de Innovación (GAIN) compartiu detalles sobre o papel xogado polos nosos centros tecnolóxicos de excelencia na captación de axudas de apoio á investigación da entidade estatal CDTI (Centro para Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial). Segundo fixo saber a axencia, Galicia lidera este ámbito, con cinco centros da nosa terra sumando máis de 5 millóns de euros dos 19,38M€ concedidos provisionalmente (un 26%) e financiando, a través desta convocatoria, cinco proxectos (nos cales as entidades galegas participan en catro deles e lideran dous).
GAIN destaca que esta convocatoria “evidencia o traballo que están a realizar os centros tecnolóxicos galegos, que contan coa colaboración da Administración autonómica”. En concreto, o centro Aimen, do Porriño, participa na Rede Cervera de tecnoloxías robóticas en fabricación intelixente; ANFACO-CECOPESCA lidera a Rede de excelencia aplicada á innovación e desenvolvemento de solucións para o control de enfermidades infecciosas en produción acuícola na que participa tamén o Clúster de Acuicultura de Galicia; o Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG) lidera o proxecto Cooperación Estratéxica para a investigación en tecnoloxías para a mobilidade autónoma e conectada de alta seguridade en entornos complexos; e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participa no Consorcio Cervera para o liderado da I+D+i en intelixencia artificial aplicada.
Estas axudas do CDTI, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, están enmarcadas no Programa Estatal de Xeración do Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico do Sistema de I+D+i e o seu obxectivo –compartido pola Xunta de Galicia– é “fomentar a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento entre centros tecnolóxicos e empresas en áreas temáticas específicas e tecnoloxías prioritarias”. Así mesmo, persegue incrementar as capacidades destas entidades na xeración de tecnoloxías estratéxicas mediante traballo en rede que favoreza a colaboración con diferentes axentes, especialmente empresas.
En total, presentáronse á convocatoria 31 programas estratéxicos de I+D nos que participan 60 centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación de toda España.
Galicia, á cabeza do Estado en captación de fondos do CDTI para centros tecnolóxicos
Compartir Este Artigo

