A Deputación de Pontevedra, a través da rede de formación tecnolóxica SmartPeme, oferta esta semana tres novos obradoiros impartidos de xeito en liña, a disposición de autónomos, pequenas e medianas e empresas, profesionais e cidadanía en xeral. As accións versan sobre como impulsar comercialmente un negocio con Google My Business, como elixir as palabras clave para elaborar unha estratexia SEO/SEM e como mellorar o footer dunha web.
En concreto, este martes 27 impartirase o obradoiro Promociona o Teu Negocio con Google My Business, no que o licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández, falará da dita ferramenta de Google enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade e un maior aproveitamento dos pequenos comercios da súa potencial clientela.
O mércores 28, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá Aprende a Elixir as Palabras Clave Para a Túa Estratexia SEO e SEM, obradoiro no que explicará a importancia do posicionamento nos motores de procura da man dunha acertada selección de palabras clave.
Para finalizar, o xoves 29, Como Mellorar o Footer da Túa Web, onde Fátima Faílde, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, explicará que é e amosará o xeito de sacar o máximo partido a esta sección.
SmartPEME remata xullo con máis formación telemática para fortalecermos o noso negocio
Compartir Este Artigo

