Os días 25, 26, 27 e 28 de outubro celebrarase en liña e de forma gratuíta o evento internacional Galicia Innovation Days 2021, baixo o epígrafe Towards Horizon Europe. Organizado por FEUGA e a Consellería de Educación e Cultura, contará cunha serie de paneis de discusión, exposicións de casos de éxito, obradoiros e encontros co nexo común de explorar proxectos de colaboración entre universidades e empresas no marco do programa marco da UE Horizonte Europa. Participarán expertos internacionais en innovación e emprendemento, abordando as novas oportunidades para investigadores e empresas nas diferentes convocatorias.
Ademais, proxectos que xa están en marcha mostrarán a súa sustentabilidade futura presentado os seus primeiros resultados e explorando a súa posible continuidade nas novas liñas de financiamento europeas. Entre os grandes cometidos do evento figura o de “fomentar o networking entre socios e colaboradores en potencia”, por iso Galicia Innovation Days ofrecerá aos asistentes “a oportunidade de realizar contactos mediante o intercambio de mensaxes e reunións individuais as catro xornadas, en horario de tarde”, informou FEUGA os días pasados dende a súa web, engadindo que cada unha das xornadas previstas porá o foco nun ámbito temático en liña concerto, cos paquetes de axudas do programa Horizonte Europa.
O primeiro día estará adicado á saúde, así como á cultura, creatividade e sociedade inclusiva. O 26 de outubro a cita fará fincapé en clima, enerxía e mobilidade. Agroalimentación, océanos e medioambiente serán temáticas protagonistas o 27 e por último, o 28 de outubro, seguridade civil, dixital, industria e espazo.
FEUGA impulsa en outubro catro xornadas de Galicia Innovation Days
Compartir Este Artigo

