A Consellería de Cultura e Educación vai incorporar cinco centros máis Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), que se suman aos 38 centros educativos que xa desenvolven este programa formativo innovador (no contido e na forma). A iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital (Edudixital 2030), ten entre os seus obxectivos promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica. Faino a través dunha metodoloxía que facilite aos estudantes a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria é tendo en conta a perspectiva de xénero.
Os centros de nova incorporación son os institutos Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), de Valga (Valga) e Valadares (Vigo) e os colexios Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña) e Plurilingüe Compañía de María (Vigo).
O STEMBach, que inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación, contribúe a “afondar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico”, lembrou a Consellería de Educación, poñendo o foco no potencial deste programa para “facilitar a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da Intelixencia Artificial”.
A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto, e que se foi consolidando ata chegar aos 658 alumnos matriculados (o 55,62 % deles mulleres).
Cinco novos centros educativos da nosa terra incorpóranse ao programa STEMbach
Compartir Este Artigo

