O Concello de Narón presentou os detalles dos seus obradoiros de reforzo educativo a través das novas tecnoloxías da información, os talleres ReforzaTIC, que abrirán o prazo de inscrición o vindeiro 1 de setembro. O seu obxectivo é achegar as TIC e todo o seu potencial cara á adquisición de coñecementos así como concienciar e educar no uso responsable das ferramentas dixitais.
Tamén se busca complentar os recursos a disposición dos centros educativos para realizar fóra do horario lectivo e “fortalecer a formación do alumnado con maiores dificultades de aprendizaxe nas áreas de lingua e matemáticas mediante a utilización de dinámicas e exercicios grupais de comprensión, síntese, e cálculo lóxico-matemático, dirixido á Educación Primaria”.
As datas de celebración dos obradoiros serán de outubro de 2021 a maio de 2022 en horario de tarde, 2 horas á semana por grupo.
As solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica, no rexistro municipal, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello de Narón.
As persoas interesadas poderán recibir máis información no Servizo Sociocomunitario, no primeiro andar do Concello, teléfono 981337700, Ext. 1111/1108/1109.
O Concello de Narón achega obradoiros tecnolóxicos para a rapazada de Primaria: os talleres ReforzaTIC
Compartir Este Artigo

