O desenvolvemento dun asistente virtual para usuarios da sede electrónica, así como a aplicación de tecnoloxías intelixentes para mellorar os procedementos administrativos, son os obxectivos do convenio de colaboración que acaba de ser asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. O convenio foi subscrito polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, a directora da AMTEGA, Mar Pereira e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. As actuacións contidas neste convenio implicarán un investimento de 482.600 euros.
A través do convenio asinado, a Universidade de Santiago comprométese a desenvolver un asistente virtual baseado na minería de procesos para prestar axuda ás persoas usuarias da sede electrónica da Xunta de Galicia. Ademais, a través do grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS e do grupo de investigación Empresa e Administración, a USC desenvolverá un cadro de mandos baseado en técnicas de extracción de analíticas e predicións de procesos para axudar na toma de decisións por parte dos xestores de procedementos administrativos. E neste marco, desenvolverase tamén unha metodoloxía e guía de procedementos administrativos e técnicos para a implantación do asistente virtual de forma xeneralizada en todos os procedementos.
Experiencia piloto
Este convenio permitirá a realización dunha experiencia piloto do asistente virtual con seis procedementos administrativos. O asistente interactuará coas persoas usuarias mediante o teclado e, especialmente, a voz con tecnoloxía accesible. O obxectivo é proporcionar unha interacción natural, que permita achegar estas tecnoloxías a persoas e colectivos pouco habituados ou con dificultades no uso de dispositivos como teclado ou o rato e avanzar na redución da fenda dixital.
Tamén facilitará a realización dunha análise e experimentación coa finalidade de deseñar un modelo que posteriormente sexa posible aplicar na sede electrónica e nos procedementos administrativos da Xunta de Galicia.
