A Xunta está a realizar unha enquisa sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das TIC, no marco do estudo que está elaborando sobre o papel das mulleres ante as TIC con fin de que permita afondar nas fenda tecnolóxica e aportar solucións de capacitación para mellorar a empregabilidade. A elaboración deste estudo detallado acordouse levar a cabo na Comisión de Mulleres nas TIC creada este ano cun enfoque transversal no seo do Consello Galego das Mulleres.
Na enquisa, na que, polo tanto, recóllese información cuantitativa e cualitativa sobre a situación actual das mulleres galegas e a súa relación coas TIC, participan, ademais da cidadanía en xeral, as persoas implicadas no movemento asociativo de mulleres de Galicia e do eido da ciencia e tecnoloxía co propósito de que acheguen as súas experiencias e opinións sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das TIC, xa que o uso das novas tecnoloxías contribúe á autonomía das mulleres, sobre todo nas zonas do rural.
Na enquisa, entre outros, abórdanse cuestións referidas ao número de medios tecnolóxicos que existen nos postos de traballo; a conexión de Internet nos fogares e no medio laboral; a formación e coñecementos sobre as TIC; o uso que se dá da tecnoloxía; os ámbitos nos que se considera necesario ofrecer máis formación en novas tecnoloxías; e sobre o coñecemento do que é a fenda dixital.
Coñecer a realidade das mulleres fronte ás tecnoloxías, cara a poder deseñar unha folla de ruta que atenda ás súas necesidades de capacitación e coñecementos é, en definitiva, o obxecto do estudo que a Consellería de Emprego e Igualdade está a realizar a través do Consello Galego das Mulleres.
Unha enquisa busca coñecer mellor a situación das mulleres no ámbito TIC
Compartir Este Artigo
