Twitter leva uns meses probando opcións de pagamento en Canadá e Australia, pero a modalidade de subscrición coñecida como Twitter Blue chega agora tamén a Nova Zelandia e EE.UU. a un prezo de 2,99 dólares/mes, o que fai que non esteamos xa ante un experimento, senón ante o que podería considerarse un lanzamento oficial, ao que resta agora o seu espallamento internacional.
Os subscritores de Twitter Blue teñen a posibilidade de acceder a artigos de centos medios concertados sen publicidade (cun catálogo moi limitado que confían en ir abrindo tanto en número de medios como de mercados), aos que compensarán economicamente; aproveitando a tecnoloxía de Nuzzel será posible que os subscritores poidan ver de xeito doado os artigos máis destacados nas súas redes nas últimas 24 horas; a barra de navegación de Twitter tamén poderá personalizarse en función das opcións máis empregadas e contando con iconas exclusivas e temas de distintas cores; poderá activarse a opción de desfacer chíos (antes da publicación iníciase unha conta atrás que pode suspenderse se detectamos algún erro); e ábrese o acceso a novas características en probas, que actualmente son a posibilidade de publicar vídeos de ata 10 minutos de duración (fronte ao límite de 2:20 minutos para os usuarios ordinarios) e poder fixar conversas na mensaxería privada de Twitter.
Estas funcións teñen unha implantación que actualmente é irregular, de xeito que algunhas funcións non están dispoñibles en todas as plataformas de Twitter Blue (escritorio, iOS e Android).
Twitter Blue estréase nos EE.UU.
Compartir Este Artigo
