O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu hoxe o acto de entrega dos Premios Spin-Off PuntoGal, que nesta quinta edición recaeron nas empresas Mestrelab Research e Alice Biometrics e o grupo de Investigación Laboratorio de Base de Datos (LBD).
O conselleiro de Cultura e Educación, Román González, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o concelleiro de Economía e Facenda do Concello de A Coruña, José Manuel Lage, asistiron ao acto de entrega de premios.
Durante a súa intervención, Román González destacou o feito de que a maior parte da investigación que se fai en Galicia procede das universidades e sinalou que o Plan de Financiamento Universitario que se está a elaborar nestes momentos ten como un dos eixes importantes incentivar a unión de investigación e innovación.
Pola súa banda, Julio Abalde explicou que as universidades poden axudar co proceso de transformación dixital da economía e que ese proceso ten que facerse coa implicación dos grupos de investigación e das empresas que saen das instititucións académicas.
Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, coorganizadora dos Premios, apuntou que PuntoGal inviste todos os seus beneficios na promoción da lingua e cultura galegas e na promoción das TIC en Galicia. «Estes premios non pretenden outra cousa máis ca mostrar á sociedade a importancia que ten a investigación para o desenvolvemento do noso país, e nesta investigación a realidade dinos que o papel das Universidades é fundamental», sinalou González. Ademais, avogou por unha maior implicación da empresa privada no I + D, porque o nivel de investimento nesta área aínda é exiguo.
Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi Alice Biometrics, compañía viguesa que desenvolveu unha solución á necesidade de poñer en marcha sistemas de identificación biométrica remotos. O director técnico da empresa, Esteban Vázquez recolleu o galardón.
No apartado de Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD), grupo adscrito á Universidade da Coruña. O grupo que vén traballando dende o ano 1996 no ámbito das tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información para a xestión de empresas e entidades, con fitos como a creación da Biblioteca Virtual Galega. Recolleu o premio Nieves Brisaboa, responsable do grupo e Premio Nacional de Informática no ano 2019.
Por último, Mestrelab Research obtivo o galardón no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio nos últimos anos. Trátase dunha compañía nacida en 2004 na Universidade de Santiago que converteuse nun dos líderes mundiais no software especializado polos investigadores do sector biotech. O premio foi recollido polas directivas da spin-off Vanessa Castro e Cristina Geada.
Os integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín.
Entréganse os V Premios Spin-Off PuntoGal
Compartir Este Artigo
