Afundación TV emitirá en directo os vindeiros 22 e 23 de novembro ás 10:00 horas o obradoiro de ciberseguridade de Bernardo Viqueira, dentro do ciclo Educación Século XXI da Obra Social de ABANCA nuns encontros para escolares. A charla abordará os métodos de vangarda nos ataques cibernéticos e cales son os comportamentos dos usuarios que os facilitan. Así mesmo, tamén se tratarán as boas prácticas cos usuarios menores, o público espectador destes encontros, explicando cales son os principais riscos segundo a súa idade e como se lles pode protexer.
Bernardo Viqueira é enxeñeiro de Telecomunicacións, con diversos mestrados e certificacións na área da Ciberseguridade, aínda que a súa gran especialidade é o ámbito do hacking. Desde que era un adolescente traballou intensamente para que a seguridade informática fose o seu medio de vida. Reportou fallos de seguridade a empresas como Deezer, Starbucks e Yahoo; colaborou con organismos gobernamentais. Ademais, participa asiduamente en programas de radio e televisión. Consultor de ciberseguridade en activo, está á fronte da marca Brain e sente o hacking como a súa gran paixón.
O obradoiro enmárcase no ciclo Educación Século XXI que, nesta ocasión, se centra nunha visión realista do mundo dixital e axuda ao usuario para xestionar mellor os sistemas informáticos. Así se abordan as claves para comprar na internet de modo seguro, a privacidade e as redes sociais, como protexernos en cinco fases, os menores na internet ou como configurar un ambiente seguro en casa, entre outros. Os contidos están accesibles tamén en diferido e difúndense a través das redes sociais da Obra Social de ABANCA co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, facilitando así ferramentas que contribúan a mellorar a nosa relación cos dispositivos dixitais e as novas canles de comunicación dixital.
Bernardo Viqueira impartirá un obradoiro sobre como defendernos do mal uso da tecnoloxía
Compartir Este Artigo
