Román Rodríguez presentou a semana pasada un ambicioso plan para impulsar a actividade da Cidade da Cultura, poñendo o foco na súa vertente máis tecnolóxica. O conselleiro explicou que o Plan Estratéxico do complexo de Gaiás achegará máis de 5.000 actividades dirixidas a potenciar a innovación e a creatividade. Mobilizaranse 30 millóns de euros, o que fará que a Cidade da Cultura “chegue a 2027 duplicando practicamente o valor que achega á sociedade”, dixo. No capítulo das cousas concretas, o novo plan prevé a creación do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, “co fin de aproveitar as oportunidades que brinda o binomio creación e tecnoloxía”.
A nova folla de ruta foi presentada por Rodríguez no Edificio Fontán ante representantes do sector cultural e de traballadores das institucións residentes no Gaiás. Entre as principais novidades, o responsable de Cultura do Goberno galego avanzou que a Xunta está “decidida a transformar o Gaiás nunha factoría de contidos”, un espazo que vaia máis alá da exhibición e que impulse programas de apoio a creación e habilite espazos para que os creadores e creadoras desenvolvan fisicamente neste equipamento as súas propostas. Deste compromiso xorde a creación do que sería o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, un “espazo onde se combinen innovación, creación e novas linguaxes e no que se convidarán artistas de diferentes eidos a experimentar e aproveitar as oportunidades que están a xurdir con novos modos de expresión que chegan da man de tecnoloxías como as experiencias inmersivas, a realidade aumentada, os NFT’s, etc”.
O Proxecto Ollándonos (eixo de traballo para “afondar no coñecemento do nosos propios legados, pero tamén como vía para proxectar o noso talento fóra de Galicia”) e o desenvolvemento de programas de cualificación en tecnoloxía dixital, mentorización para proxectos novos ou promoción de empredemento destinados a fortalecer e modernizar as industrias culturais e creativas son outras dúas apostas destacadas deste plan.
O plan estratéxico da Cidade da Cultura achegará máis de 5.000 actividades creativas e innovadoras
Compartir Este Artigo

