O Concello de San Sadurniño informou da activación dunha aplicación móbil de Realidade Aumentada para coñecer como era o Castelo de Naraío no século XIV. Esta ferramenta de reconstrución histórica e arquitectónica é froito do importante traballo de investigación levado a cabo por un equipo multidisciplinar que implicou persoas expertas en historia, arqueoloxía e modelado 3D. Para gozar do resultado hai que achegarse ao castelo, descargar unha app para dispositivos móbiles e despois apuntar coa cámara a calquera dos dous paneis explicativos que están colocados no acceso principal e no alto da torre.
Ao tratarse dunha tecnoloxía baseada na Realidade Aumentada, permítenos superpoñer información virtual do castelo e a súa contorna sobre a imaxe que capta un teléfono ou unha tableta. No caso desta ferramenta, segundo salienta o Concello, conflúen dous dos ámbitos nos que máis proxección ten a dita tecnoloxía de RA: a interpretación e reinterpretación do patrimonio histórico. Así, temos por unha banda recreación en 3D da fortaleza (baseada nas investigacións arqueolóxicas dos últimos 20 anos) e pola outra a narración que acompaña o percorrido contextualizando tanto a época como as funcións que cumpría cada parte do castelo.
Tal e como explica o director comercial da empresa Xoia Software Development -encargada do proxecto- a aplicación “permítenos ver a construción como era no seu momento de máximo esplendor reproducíndoa de maneira virtual, e ao mesmo tempo contar as distintas etapas da súa historia e descubrir o entorno natural que o rodea. O castelo reprodúcese exactamente como era tanto por dentro como por fóra, coma se fose de verdade, ou mellor aínda, porque podes achegarte e velo moi de preto, pedra a pedra”.
Para levar a cabo a reconstrución virtual da fortaleza, a firma recompilou a información histórica dispoñible e tamén os estudos realizados nas distintas fases de consolidación. Sánchez dános unha idea da dimensión deste labor explicando que elaborar réplicas fidedignas en 3D fixo preciso o traballo de arqueólogos dixitais, virtualizadores do patrimonio e especialistas. E engade: “Todo o que reproducimos ten que ser como realmente era. As partes descoñecidas ou das que non quedan restos suficientes fixémolas baseándonos noutras construcións da zona da mesma época”.
A aplicación tamén permite gardar a visita e compartir a experiencia en redes sociais.
Incluso pode utilizarse sen estar no castelo, accedendo directamente á reconstrución 3D ou ao mapa co itinerario para chegar a Naraío.
O proxecto de Realidade Aumentada supuxo un investimento próximo aos 15.000 euros, asumidos integramente pola Deputación da Coruña dentro do seu programa de dinamización turística da comarca. O alcalde, Secundino García, destacaba a importancia do aplicativo “para poñer en valor un castelo que segue sendo un grande descoñecido e que, gracias a esta ferramenta, podemos descubrir e velo dun xeito que ninguén nos mostrara antes”.
A Deputación, o Concello de San Sadurniño e Xoia reconstrúen con Realidade Aumentada o Castelo de Naraío
Compartir Este Artigo

