Un total de dez producións dos medios públicos galegos son finalistas aos Premios Celtic Media Festival 2022, que veñen de facerse públicos na localidade bretoa de Quimper. O Celtic Media Festival promove a cultura e as linguas dos países celtas nos ámbitos do cine, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación e ten lugar desde hai 43 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa.
Entre estas propostas, cómpre salientar, as dúas candidaturas do popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu, que presenta Esther Estévez. Ademais de competir no apartado de Formato curto, foi elixido por parte do xurado para participar na categoría Espírito do Festival. A Bretaña francesa albergará tamén a gala de entrega dos premios, entre o 7 e o 9 de xuño.
Nesta edición foron seleccionados os espazos da TVG Malicia Noticias na categoría de Comedia, e no apartado de Factual ou feitos reais, Cos pés na terra. traballar no rural. Tamén son finalistas aos Celtic Media Festival, na categoría de Entretemento infantil a serie de animación galega Tutú, a coprodución galego-portuguesa Ons, participada pola TVG e dirixida polo compostelán Alfonso Zarauza, na sección de Longametraxe.
A TVG tamén aspira a acadar un recoñecemento en Documental con O gran Camiño, produción que recolle as rutas a pé máis relevantes do mundo, entre as que ofrece a do Camiño de Santiago, e na categoría de Series, coa produción internacional 3 Camiños, participada pola Galega.
Mellor emisora e mellor presentador na Radio Galega
A Radio Galega, que pechou o 2021 reforzando o seu primeiro posto como emisora pública de Galicia e cunha marca histórica de audiencia, figura tamén na listaxe de candidaturas ao optar ao premio de Mellor emisora do ano. O locutor Marcial Mouzo tamén destaca entre as candidaturas. O popular condutor do Pensando en ti, emblema das madrugadas en Galicia, en que os oíntes comparten experiencias persoais e opinións, opta ao recoñecemento como Mellor presentador da emisora pública.
