A Axencia Galega de Innovación (GAIN) e DATAlife fixeron balance este primeiro de xuño do estado de dixitalización do noso sector primario a través do proxecto transfronteirizo Hiba. Participaron na xornada Patricia Argerey, directora de GAIN, e José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). Durante o evento, organizado pola axencia e o hub de innovación dixital DATAlife en colaboración con Big Data Value Association e o Clúster TIC Galicia, presentáronse os resultados da diagnose da industria agroalimentaria en materia de dixitalización para propor solucións tecnolóxicas orientadas ás necesidades do sector.
Este evento enmárcase no proxecto de cooperación transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) Hub Iberia Agrotech (Hiba), que ten como obxectivo “impulsar un ecosistema plurirrexional centrado na dixitalización do sector agroalimentario”.
No seu transcurso, Patricia Argerey, destacou que “a transformación é unha necesidade real das empresas hoxe en día para incrementar a súa competitividade e adaptarse ás necesidades dos consumidores”. Engadiu que se trata “dunha realidade á que non é allea o ámbito primario” e que este coñecemento e esta boa predisposición quedaron constatados nos resultados da diagnose de madurez dixital neste sector presentados este primeiro de xuño en Santiago de Compostela no marco da xornada Dixitalización e datos no sector primario.
Por certo que o estudo foi realizado por DATAlife coa participación de 170 entidades.
Patricia Argerey apuntou que “aínda que o sector conta cun grao avanzado xa de dixitalización, identificáronse varios factores que dificultan a transformación tecnolóxica das empresas galegas do sector primario”, como o tamaño das mesmas (as microempresas atopan maiores dificultades á hora de asumir riscos financeiros asociados a este ámbito innovador), a introdución de novas tecnoloxías que faciliten a dixitalización dos datos; unha maior formación e coñecemento destas ferramentas; a demanda de solucións máis individualizadas e un maior acceso a financiamento para investir nestes procesos de adaptación á nova realidade.
A directora de GAIN lembrou que a dixitalización é “unha prioridade tanto para a Administración autonómica como para a Unión Europea e que se teñen posto en marcha diferentes actuacións para impulsar a transformación dixital do tecido empresarial galego, en especial das pemes”. En concreto, apuntou o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, que ten como obxectivo achegar ás pequenas e medianas empresas de sectores tradicionais afastadas dos núcleos rurais as vantaxes de innovar, e o impulso aos Hubs de Innovación Dixital, como unha plataforma para acompañar ás pemes no seu acceso ás tecnoloxías dixitais. Ademais, destacou “a grande oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation xa que preto dun 30% están dirixidos á transformación dixital”.
Lembrou tamén a importancia do DATAlife, un dos dous hubs de innovación dixital impulsados pola Xunta de Galicia, que “ten como misión a introdución de tecnoloxías dixitais en sectores como a biotecnoloxía, a saúde, o medio ambiente e todos os relacionados coa produción primaria: o forestal, a pesca, a agricultura, a gandeiría, a acuicultura, a nutrición, ou a alimentación”.
Pola súa banda, José Luis Cabarcos fixo referencia ao anteproxecto de Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, “como unha norma adaptada aos cambios experimentados na produción e na comercialización alimentaria, establecendo medidas que buscan incrementar o control e as garantías para consolidar os produtos galegos, avanzando no desenvolvemento local e na creación de emprego”. Nesta liña, Cabarcos trasladou que dentro desta norma “hai elementos de dixitalización, enfocados a mellorar as garantías das producións do sector primario galego”.
O director explicou ademais en que medida a dixitalización pode axudar a implementar o Pacto Verde Europeo, no sentido de contribuír ao coidado da auga, da terra e do aire. Así, trasladou que tecnoloxías como a sensórica, a Internet das Cousas, o Big Data ou o sistema informático blockchain poden axudar a acadar estes obxectivos.
Posteriormente, a xerente de DATAlife, Lucía Castro Díaz, expuxo os resultados obtidos tras o diagnóstico de madurez dixital e realizouse unha análise destes nunha mesa redonda na que participaron as consultoras Medrar Smart Solutions e Elixe Plus. DATAlife informou de que, dos resultados da diagnose, se pode extraer que “o sector primario xa comezou a dixitalización e se atopa a moi bo nivel así como as solucións tecnolóxicas desenvoltas neste ámbito, ademais a oferta tecnolóxica é suficiente”. E engadiu: “Galicia debe ser o banco de probas para aplicar esta tecnoloxía e despois exportala”.
GAIN e DATAlife constatan nunha xornada as boas previsións de dixitalización do noso sector primario
Compartir Este Artigo
