Este venres 3 de xuño comezaron as XV Xornadas Xurídicas de Sarria, que se están a celebrar na Casa da Cultura da localidade lucense ata mañá sábado e que abordan este ano a relación entre a Intelixencia Artificial (IA) e o Dereito. O vicepresidente do Tribunal Constitucional, Juan Antonio Xiol Ríos, impartiu a conferencia inaugural do encontro, que está organizado polo Concello de Sarria e que forma parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
Na inauguración tamén participou Pablo Rivera, deputado de Promoción Económica e Social, quen confirmou que a entidade provincial renovou a súa colaboración coas xornadas.
Pablo Rivera valorou que dende o seu inicio as xornadas caracterízanse por “combinar a calidade dos expertos que nelas interveñen co seu afán divulgador, de maneira que as conclusións sexan de utilidade para o conxunto da sociedade”. Tamén indicou “que poucos temas hai de maior actualidade, con carácter xeral, que o desenvolvemento da Intelixencia Artificial, a combinación de algoritmos, redes sociais e novas tecnoloxías está cambiando a relación e o funcionamento da sociedade”.
Rivera fixo fincapé en que “o uso da IA está chegando tamén ao mundo da Xustiza ou da investigación criminal”. Sen dúbida, detallou, “ábrense enormes posibilidades á hora de xuntar probas, axilizar procesos ou acceder a un maior volume de datos” e, á súa vez, indicou, “é noticia nos medios que as novas tecnoloxías están dando lugar a novos tipos de delitos para os que a sociedade necesita respostas eficaces e información fidedigna”.
A Deputación de Lugo colabora coa retransmisión en streaming das distintas conferencias grazas ao servizo provincial de Audiovisuais.
Na sesión de apertura tamén participou o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, quen salientou “a aposta e o compromiso da Xunta pola modernización da Administración da Xustiza para facer fronte aos novos retos deste servizo e avanzar cara unha xustiza dixital e accesible coa que garantir un servizo e eficiente”. Calvo tamén salientou na súa intervención o traballo levado a cabo desde 2009 pola Xunta para modernizar a Administración de Xustiza a través do I e o II Plan Senda, cun investimento de máis de 50 millóns de euros para implantar a Administración Electrónica Xudicial en Galicia.
Edición número 15 dun evento sobranceiro
Ao longo dos dous días, expertos en ambas materias participarán en mesas redondas nas que analizarán, entre outras cuestións, a biometría no proceso de investigación criminal, a propiedade intelectual das obras creadas por Intelixencia Artificial ou o cibercrime.
As xornadas, que están dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil e avogado Carlos Lema Devesa, contarán coa presenza de prestixiosos relatores, entre eles maxistrados do Tribunal Supremo e da Audiencia Nacional ou o fiscal xefe da unidade de extradición en Reino Unido, quen dará unha visión internacional da importancia da IA no Dereito.
O curso tentará estudar os desafíos e oportunidades que implica a utilización destas tecnoloxías, analizando os marcos éticos e legais para garantir que a IA se desenvolva e aplique sobre a base dos valores e dereitos fundamentais do noso Estado de Dereito.
Esta XV edición comezou hoxe ás 10 horas co acto de inauguración. A clausura, que será o sábado 4 de xuño ás 13 horas, contará coa asistencia da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia, Carme Artigas Brugal; o vogal do CXPX Rafael Mozo; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; a directora do Centro Asociado UNED Lugo, Ana Traseira; e os codirectores das xornadas, Román García-Varela Iglesias e Carlos Lema Devesa.
Comezaron as Xornadas Xurídicas de Sarria, centradas na Intelixencia Artificial
Compartir Este Artigo

