A Xunta analizará a aplicación da Intelixencia Artificial na Administración pública en colaboración con diversos expertos na materia. Farao nunha xornada monográfica que reunirá durante dous días, na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a destacados xuristas, investigadores e empregados públicos. A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos inaugurará o xoves 9 o curso monográfico, que será clausurado o venres 10 polo ex-presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.
Segundo informan dende a EGAP, a Intelixencia Artificial na Administración afondará nas vantaxes para as entidade públicas das tecnoloxías con capacidade de analizar información e tomar decisións, vantaxes que se materializarán (e xa se están a materializar) en maior eficiencia, eficacia e axilidade na xestión.
Na xornada encarase o reto de como facer compatibles os sistemas de IA co respecto aos dereitos fundamentais dos cidadáns, e tamén abordarase a seguridade na aplicación das novas tecnoloxías.
Amais, estudarase a proposta da Comisión Europea de Regulamento da IA, que segundo lembra a EGAP prevé o establecemento “dunha normativa sólida e flexible na UE”, que permita facer compatible a rápida evolución da tecnoloxía coa xestión de riscos e “sen prexudicar a innovación ou incrementar os custes da introdución da Intelixencia Artificial no mercado”.
Tras o acto inaugural, que se celebrará ás 12.00 h., intervirá o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado, que falará sobre o marco xurídico da IA como soporte á toma de decisións do sector público. A continuación, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Oviedo, Alejandro Huergo Lora falará sobre o control e a impugnación das decisións administrativas baseadas na Intelixencia Artificial.
Xa pola tarde, o profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Pablo Fernández Carballo-Calero, abordará a relación entre a IA e o dereito á propiedade intelectual, e a interventora do Concello de Chiclana (Cádiz), Eva María Mota Sánchez, expoñerá as claves destas tecnoloxías e o control da Administración local: auditoría algorítmica.
A EGAP acollerá unha xornada de dous días sobre Intelixencia Artificial e administracións
Compartir Este Artigo

