A campaña de comunicación e concienciación social Outro colector, que marrón!, lanzada pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) no marco do proxecto Ecoval Sudoe, foi recoñecida co Premio Especial Europeo na cerimonia da Semana Europea de Prevención de Residuos (EWWR) celebrada este xoves 9 de xuño en Bruxelas. O premio foi outorgado como recoñecemento ao impacto da campaña, a súa creatividade e carácter participativo, así como o seu bo uso das redes sociais.
Máis de 12.400 accións participaron na edición Comunidades circulares dos premios que anualmente promove ACR+, unha rede internacional de cidades e rexións que comparten o obxectivo de “promover unha xestión sustentable dos recursos e acelerar a transición cara a unha economía circular”.
A campaña Outro colector, que marrón! conseguiu situarse entre as 60 accións preseleccionadas polo xurado, manterse entre as 16 finalistas e lograr finalmente a distinción.
Chield Berends, representante da unidade de residuos da dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, foi o encargado de entregar o premio.
Ademais do seu enfoque nos residuos orgánicos e o novo colector marrón, a iniciativa de divulgación e concienciación tamén se centra nos refugallos que non deben ser guindados ao inodoro. De feito, segundo informou FEUGA, a correcta separación de residuos e o correcto uso do WC son de vital importancia para proxectos como Ecoval Sudoe, que se centra “na valorización dos residuos orgánicos urbanos e os lodos de depuradora para transformalos en produtos de alto valor engadido como os acedos grasos volátiles”.
A Semana Europea da Prevención de Residuos (EWWR) é a maior campaña de sensibilización sobre a prevención de residuos en Europa. Impulsada polas autoridades públicas locais e rexionais, reúne a todo tipo de actores -cidadáns, escolas, empresas, ONG, asociacións- que organizan actividades de sensibilización sobre a redución de residuos.
Europa premia a FEUGA pola súa campaña Outro colector, que marrón! e polo bo uso das redes sociais
Compartir Este Artigo

