O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgar un dos seus galardóns anuais, o Premio Impulso Dixital de Galicia, á Estratexia Galicia Dixital EGD2030 da Xunta de Galicia a través da axencia AMTEGA. Farase entrega desta distinción no marco da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 1 de xullo en Santiago, no Hotel Puerta del Camino.
Segundo salienta o colexio, a Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) foi deseñada polo Goberno galego a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como “un marco dixital común que facilite a actuación das tres administracións –estatal, autonómica e local– nun mesmo territorio de maneira complementaria”. E engade: “É un elemento que pode ser clave para executar de maneira efectiva os proxectos de dixitalización no marco do plan de recuperación e resiliencia”.
A estratexia, como lembraremos, púxose en marcha no 2021, aliñada coas prioridades do novo marco europeo. Está estruturada ao redor de sete eixos estratéxicos e un transversal, que determinan as áreas de actuación e 20 programas para conseguir os obxectivos marcados en cada eixo.
Este proxecto mobilizará máis de 4.000 millóns de euros para impulsar solucións intelixentes que faciliten un desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable. Ademais, o CPEIG salienta que se trata dunha iniciativa que “afonda na construción de maiores capacidades en Galicia nas tecnoloxías chave para a transformación dixital da sociedade nos vindeiros dez anos, como a Intelixencia Artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato e a 5 G; de feito Galicia foi unhas das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, un Nodo 5G e tamén puxo en marcha o Nodo de Ciberserguridade de Galicia”.

