Este xoves 16 de xuño celebrouse en Lugo a entrega de diplomas das tituladas e titulados da 18ª promoción dos ciclos de Realización e Produción do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Na cita, na que participou o presidente da institución José Tomé, un total de 21 estudantes remataron oficialmente a súa formación nunha gala de clausura celebrada nos xardíns do dito centro.
No acto de entrega tamén participaron os deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas.
A gala, que contou coa presenza de familiares e amigos do alumnado, volveu celebrarse logo da paréntese de dous anos por mor da pandemia, xa que o pasado curso só puido organizarse unha entrega de diplomas pechada ao público.
O presidente dixo que a celebración de hoxe “é dobre”, xa que por unha banda “festexamos a culminación do paso desta nova graduación pola nosa escola e, pola outra, celebramos a volta á normalidade que tanto desexamos todos”.
José Tomé destacou “a aposta da Deputación por un ensino público e de calidade, o que implica un importante esforzo económico, de 1,5 millóns de euros para que o noso alumnado saia ao mundo laboral cunha boa preparación”. O presidente avanzou que “o curso que vén manteremos a matrícula gratuíta, porque na Deputación cremos que o ensino público, universal e de calidade é unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sustentable e equilibrado”.
Respecto do apoio da Deputación á industria audiovisual e dos novos contidos dixitais, materializouse en accións concretas como por exemplo a colaboración coa nova película do lucense Dani de la Torre, Live is life, que “se está proxectando na actualidade nas pantallas de cine de toda España e que ten a Ribeira Sacra como un dos principais escenarios de rodaxe”.
A gala de graduación da 18ª promoción do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, inspirada na longametraxe de Disney El club de los Villanos, foi organizada polo alumnado de 1º de Produción, dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos, e gravada polo de 1º de Realización, no módulo de Planificación da Realización en Televisión.
Durante o acto proxectáronse varios traballos feitos polos novos graduados este curso: un promocional sobre o propio Centro de Formación Audiovisual; o videoclip da canción Honky Tonk Blues de Brendan Shine; e un teaser do documental No se oye, sobre a historia do edificio do CFA, que albergou a Casa Cuna.
O presidente da Deputación animou a todos os mozos e mozas da provincia con “vocación no eido audiovisual” a que se formen na escola da Deputación. Segundo dixo, do 23 ao 30 de xuño estará aberto o prazo de preinscrición para o vindeiro curso. O período da matrícula ordinaria será do 12 ao 29 xullo. Os interesados poden acceder a toda a información sobre os ciclos audiovisuais da Deputación no apartado específico da web da Deputación.
21 estudantes da 18ª promoción do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo recibiron os seus diplomas
Compartir Este Artigo

