Entre a noite de hoxe e a de mañá, 17 e 18 de xuño, as rúas de Ourense serán o escenario dunha nova edición do Rally Ourense Recalvi, unha competición de carácter nacional que reúne aos mellores pilotos e escuadras de España coa peculiaridade de ser celebrada pola noite. Estamos perante a 55ª edición deste evento e para a ocasión, a empresa galega Aerocámaras (que cumpre 15 anos de operacións con UAS) realizará unha despregadura de drons para gravar ese encontro dende outro punto de vista.
Un equipo de pilotos de dron da compañía especializados en audiovisual gravarán con vehículos aéreos non tripulados a destreza da pilotaxe a gran velocidade dos participantes para “que non se perda ningún detalle”. En palabras da empresa, “os drons converteranse nun máis na carreira e permitirán visualizar o campionato dun xeito inmersivo”.
Asemade, co gallo de festexar o aniversario de Aerocámaras, por primeira vez o percorrido contará cun treito urbano moi característico que transcorrerá pola Ponte do Milenio, unha das zonas máis senlleiras da cidade de Ourense. Os drons serán testemuñas diso capturando as mellores imaxes das manobras que se agardan neste punto, incluíndo varias rotondas e cambios de rasante.
Jaime Pereira, CEO de Aerocámaras: “Estamos encantados de prestar os nosos servizos audiovisuais nesta edición tan especial para o Rally de Ourense. Cos nosos drons imos redefinir a maneira de vivir en primeira persoa un rally, e ademais nocturno. A tecnoloxía FPV permite gravar con visión inmersiva desde diferentes puntos do circuíto e capturaremos desde o aire as tácticas máis arriscadas dos pilotos. É un punto de vista totalmente innovador que se está impondo nos eventos deportivos”.
O Rali nocturno de Ourense será gravado polos drons da empresa Aerocámaras
Compartir Este Artigo

