Esta semana (xoves e venres) estanse a celebrar no Campus de Vigo as VIII Xornadas de Doutorandos/as en Comunicación, un encontro no que 11 estudantes explican ao público interesado as temáticas nas que afondan as súas teses de doutoramento, investigacións que xiran en torno aos dous grandes ámbitos sobre os que xira o Programa de Doutoramento en Comunicación: comunicación e tradución. Entre os temas estrela atópase o fenómeno actual das redes sociais baseadas na imaxe e o vídeo, cuxa relevancia medrou (e moito) no contexto da pandemia.
A apertura das xornadas, presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución e retransmitida en directo a través do Campus Remoto, correu a cargo da directora do programa, a catedrática Aurora García, quen fixo fincapé “na diversidade dos temas abordados” e “no seu elevado interese para o desenvolvemento da ciencia e da propia sociedade”.
O programa de intervencións arrancou coa comunicación do investigador Alejandro Cerqueira, quen se atopa mergullado na elaboración dunha tese de doutoramento centrada en estudar o fenómeno de Twitch, a plataforma de retransmisión en directo (live streaming) máis grande do mundo, nun marco temporal moi específico, de marzo a xuño de 2020, coincidindo coa corentena sanitaria decretada en España por mor da pandemia. “O obxectivo da miña tese é estudar se realmente durante ese intre produciuse un desenvolvemento destacado da plataforma ligado á corentena, tal e como parece indicar o interese mediático que espertou e o forte incremento no seu uso”, explica o investigador. Desde o seu punto de vista, o auxe desta rede social non significa o detrimento doutras, senón que simplemente serán complementarias. “Aínda que Twitch entra no mundo das plataformas, como poden ser Instagram, TikTok e outras redes sociais como Twitter, ten unhas particularidades que veñen motivadas pola propia natureza da plataforma que fan que sexa un universo en si mesmo”, recalca Cerqueira, ao que engade que estas particularidades fan que estea “máis preto do universo das plataformas de streaming SVOD, tipo Netflix, ou de Youtube, pero cun compoñente persoal, pola relación co creador, o que fai que se converta nunha especie de realidade en si mesma”.
Tras Cerqueira, Drágana Djordjevic explicou que, no seu caso, a tese afonda na retórica dos influencers ou líderes de opinión públicos españois con máis de 250.000 seguidores en Instagram durante a lexislatura de Pedro Sánchez.
Na actualidade o programa de doutoramento en Comunicación da UVigo conta con 56 persoas matriculadas, das que unha elevada porcentaxe son investigadoras e investigadores internacionais.
O auxe das redes sociais Twitch, TikTok e Instagram centran unhas xornadas na UVigo
Compartir Este Artigo

