As luminarias LED da compañía tecnolóxica Televés, con sede principal en Santiago, veñen de acadar un importante recoñecemento: a cerificación IAC que concede o Instituto de Astrofísica de Canarias, un dos grandes referentes (dende hai décadas) en impulsar, reivindicar e enxalzar medidas para protexer o ceo nocturno e garantir o regulamento.
O recoñecemento abrangue todas as luminarias de Televés: Cies, Retrofit, Farol Villa, Farol Fernandino, Urban Maia, Urban Alameda e Atmosled, tanto en gamas de temperatura branco super cálido, como en LED Ambar IAC.
Segundo lembra a compañía galega, os observatorios astronómicos están entre os puntos máis afectados pola contaminación lumínica e “nestes centros, contar cun espazo no que se poida observar un ceo limpo é tan importante, que resulta o principal factor á hora de determinar a súa localización”.
O Instituto de Astrofísica de Canarias é un dos mellores exemplos do devandito. Os seus observatorios albergan os telescopios e instrumentos dunhas 60 institucións pertencentes a máis de 20 países. Segundo lembra Televés, “trátase da maior colección de instalacións de observación óptica e infravermella para astrofísica dentro da Unión Europea; e varios experimentos de astrofísica de altas enerxías e o estudo do fondo cósmico de microondas completan a batería de instalacións dispoñibles nos observatorios”.
O instituto, ao abeiro desta política de potenciar un uso sustentable, innovador e racional da luz, baseado nas máis avanzadas tecnoloxías, lanzou unha certificación destinada a garantir que aquelas luminarias merecedoras coa mesma “cumpren os requisitos máis esixentes en materia de eficiencia, pegada de carbono e contaminación lumínica”.
Estes obxectivos aparecen recollidos no artigo 7 do RD. 243/92 do Regulamento da Lei 31/88 sobre protección da calidade astronómica dos observatorios do IAC, onde se establecen parámetros como que a suma das radiancias espectrais por baixo dos 440 manómetros debe ser inferior ao 15% da radiancia total. “O motivo desta limitación”, explica Televés, “radica en que a dispersión da luz na atmosfera (en zonas de atmosfera limpa) é inversamente proporcional ao cadrado da lonxitude de onda. Por exemplo, unha emisión en 440nm produce unha dispersión (resplandor de luz no ceo) 3,2 veces superior que unha emisión de 588nm (sodio). Igualmente, a información na luz recibida dos astros na zona do espectro por baixo dos 500nm é moi valiosa para a astrofísica”.
Esta certificación, ademais, comprende parámetros que non teñen só que ver coa protección do ceo, senón coa saúde das persoas: e é que son as emisións entre 460-480nm as que regulan o reloxo circadiano en moitos seres vivos, producindo graves efectos na biodiversidade e nos seres humanos..
Televés aposta pola iluminación responsable
Televés puxo a súa ampla experiencia en tecnoloxía electrónica e fabricación de estruturas metálicas ao servizo da iluminación. Froito disto, desenvolveu unha gama de iluminación LED profesional que se recolle nun completo catálogo de luminarias para aplicacións tanto en interior como en exterior.
Así, todas as gamas da compañía galega contan con luminarias con temperaturas de cor cálidas que limitan a dispersión lumínica no ceo nocturno, e permiten crear ambientes nocturnos máis agradables.
Televés logra o recoñecemento do Instituto de Astrofísica de Canarias pola súa aposta pola iluminación sustentable e intelixente
Compartir Este Artigo

