Unha vintena de estudantes da Lodz University, das universidades politécnicas de Lodz e da Tartu Unikool de Estonia e da UVigo participan ata este xoves na Universidade de Vigo na Escola de Verán do proxecto Erasmus+ VRxanny, Virtual Reality for anxiety and mental stress reduction in university students, unha actividade formativa que convida ao alumnado a presentar proxectos de relaxación en situacións académicas de estrés. Estes proxectos converteranse en contornas de Realidade Virtual.
Acompañados de docentes das súas respectivas universidades, as e os estudantes proceden de titulacións de todos os ámbitos do coñecemento. “O proxecto VRxanny busca mellorar a experiencia daqueles estudantes que o pasan mal cando teñen que pasar exames ou probas nas que defenden o seu traballo previo. Queremos proporcionar unha aplicación de Realidade Virtual (VR) que lles poida axudar a relaxarse e a asistir ao exame cun menor nivel de estrés”, explica o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da UVigo, Íñigo Cuiñas.
Manuel Fernández Iglesias, Manuel Caeiro, Itziar Goicoechea, Enrique Costa Montenegro e Íñigo Cuiñas, promotores de VRxanny na UVigo, apostan por implicar ao alumnado no desenvolvemento das iniciativas-propostas, tanto a través da realización dunha enquisa, como participando no deseño deses escenarios para a aplicación de RV. “Para a captación do alumnado, abriuse unha convocatoria desde a web do proxecto, con base na universidade de Lodz, na que tiñan que se inscribir, proporcionar o seu currículo e subir un pequeno vídeo explicando porque querían participar”, sinalan os docentes e investigadores da UVigo, que lembran que as 20 mozas e mozos seleccionados quedaron distribuídos en cinco equipos, que elaborarán as propostas que se empregarán nos vindeiros meses de proxecto.
Na escola de verán, o alumnado aprenderá a empregar a metodoloxía do deseño intelixente (Design Thinking), unha técnica centrada nas persoas e na que o importante non é a solución en si mesma, senón o usuario final e a súas satisfaccións, para a través dela, desenvolver os seus proxectos.
A escola de verán arrincou este martes 12 na EE de Telecomunicación cun obradoiro da primeira parte de Design Thinking, a empatía. Este mércores as e os participantes terán que interactuar con outros mozos e mozas alleos ao proxecto, para saber como reaccionan ante os exames e que cousas lles estresan e cales os relaxan. Esta actividade desenvolverase aproveitando unha visita ás illas Cíes. O terceiro día os estudantes “regresarán ao campus para definir solucións baseadas no que aprenderon falando con outra persoas e cos resultados da enquisa previa”, detalla Cuiñas, que explica que os resultados dos traballo do alumnado “serán as entradas para o traballo do grupo de investigadores a cargo do deseño e programación das contornas”.
Esta primeira escola de verán terá continuidade nunha segunda edición, na que se probarán as aplicacións de Realidade Virtual que se programen e que se celebrará, con toda probabilidade, entre maio e xullo do ano que vén en Polonia.
A UVigo acolle un obradoiro de aplicacións de Realidade Virtual para axudar aos estudantes en situacións de estrés
Compartir Este Artigo

