A conselleira de Política Social e Xuventude, a ribeirense Fabiola García, anunciou a creación dunha oficina virtual de asesoramento e orientación para a mocidade que aglutinará os recursos postos a disposición por parte dos distintos departamentos do Goberno autonómico. A iniciativa foi dada a coñecer no Espazo Xove de Noia.
Fabiola García dixo que estará dispoñible dende este mesmo 22 de xullo na páxina web de Xuventude e que terá como principal ferramenta un mapa de recursos que recompilará os programas postos en marcha polos distintos departamentos do Goberno galego para a mocidade en diversos ámbitos (por exemplo a educación, o emprego, a igualdade, a mobilidade, a vivenda ou o lecer).
Ademais, esta oficina conta tamén cunha canle electrónica de asesoramento individualizado para todos os mozos de Galicia.
Durante a presentación, a conselleira lembrou que a Xunta pon a disposición das mozas e os mozos “programas e iniciativas que lles permitan impulsar novos proxectos e conseguir todo aquilo que se propoñan”. Exemplo disto, salientou, é o Xuventude Mentoring, que “conseguiu que 200 persoas novas tivesen a súa primeira experiencia laboral o pasado ano”; o programa Xuventude Crea, “que premia as creacións artísticas da mocidade en 14 disciplinas distintas”; o Carné Xove, que “leva décadas ofrecendo descontos á xuventude”, ou os propios Espazos Xoves, que lle ofrecen propostas de ocio, formación e participación, destacou.
Fabiola García presenta unha oficina virtual para asesorar á mocidade sobre os recursos que ten ao seu dispor
Compartir Este Artigo

