O Concello de Redondela iniciou esta semana unha iniciativa de formación para loitar contra a fenda dixital que afecta, especialmente dende a pandemia, ao colectivo das persoas maiores. O arrinque da actividade no Multiusos da Xunqueira (unha formación conxunta das concellerías de Novas Tecnoloxías e Persoas Maiores, en colaboración coa ONG Amigos de Galicia) contou coa presenza da alcaldesa Digna Rivas.
A rexedora agradeceu ás persoas participantes “o interese con que foi acollida esta iniciativa” e as animou a “aproveitar toda a potencialidade que ofrecen as novas tecnoloxías nun mundo cada día máis dixitalizado e no que os trámites online adquiren unha extraordinaria importancia”.
Rivas lembrou a aposta do seu Goberno “polas persoas maiores e por todas as iniciativas que contribúan a mellorar a súa calidade de vida” e reafirmou o seu compromiso “decidido” cun sector de poboación “que fixo de Redondela o que é hoxe en día e que aínda ten moito que aportar á sociedade”.
Os obradoiros, cun total de 12 horas lectivas distribuídos en tres clases de catro horas, permiten ás e aos participantes adquirir coñecementos sobre o funcionamento das máquinas de quendas dos centros oficiais (Concello, Centro de Saúde, etc…), a utilización dos caixeiros automáticos das entidades bancarias, como sacar o máximo aproveitamento das funcionalidades do seu teléfono móbil e, en especial, como tirar proveito da aplicación do SERGAS (que permite desenvolver todos os trámites sanitarios precisos, dende solicitar unha cita médica, a coñecer a medicación activa de cada paciente).
Trátase de “ofrecerlles unha axuda práctica sobre dispositivos vencellados ás novas tecnoloxías que son de uso cotiá e saber como facer uso do caixeiro automático, de uso case que obrigado, ou como coller quenda nas máquinas que existen en case que todos os organismos públicos”, sinalaron fontes do Concello.
Aínda que as clases xa comezaron, segue aberta a inscrición no Multiusos da Xunqueira de Redondela e no Multiusos do Piñeiral do Crego de Chapela.
Comezou en Redondela un curso para familiarizar aos maiores co uso das novas ferramentas
Compartir Este Artigo

