O proxecto Tourist Inside, promovido pola Deputación de Pontevedra, posibilitará a promoción de experiencias interactivas nos distintos concellos que contan con puntos de información turística da Rede de Oficinas Info Rías Baixas. A esta rede están adheridas a Oficina de Turismo da Estrada e o Punto de Información Turística de Carboeiro, en Silleda. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e representantes de ambas corporacións municipais, informaron das melloras que porá en xogo o proxecto Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, que busca enriquecer as experiencias das persoas visitantes mediante as Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
A Oficina de Turismo da Estrada contará cunha pantalla de 55 polgadas no seu interior na que se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra-provincia así como cun tótem no que tamén se proporcionará información do destino. Do mesmo xeito instalarase unha tableta para enquisas de satisfacción. Ademais, en 29 puntos do concello disporanse beacons, sistemas baseados en balizas electrónicas que transmiten información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través de Bluetooth.
A Deputación acometerá tamén melloras en Silleda. En concreto, instalaranse 16 beacons por todo o concello e colocarase un tótem con información do destino no centro de Silleda. Con todas estas medidas a Deputación quere mudar “o clásico modelo de atención a persoas visitantes” cara a “un modelo que se apoia nas novas tecnoloxías e na interconexión da Rede Info Rías Baixas para ofrecer ás persoas visitantes todas as posibilidades”.
A Estrada e Sillleda ofrecerán experiencias interactivas aos turistas grazas ao proxecto Tourist Inside
Compartir Este Artigo

