
En concreto, ITG Drone Solutions fornece de recursos ás necesidades de autonomía e automatización que vive o mercado destes vehículos. E é que, como afirma o santiagués David Vázquez González, director de desenvolvemento de negocio de ITG Drone Solutions, “xurdiron unha enorme cantidade de operadores de UAVs que xestionan as súas frotas de forma manual, limitados polas restricións dos aparellos. Nós chegamos para subministrar ferramentas que permiten axilizar as operacións e reducir os enormes custos operativos aos que se enfrontan os profesionais de aparellos non tripulados de todo o mundo.”
As dúas liñas estratéxicas de I+D de ITG cuxos desenvolvementos comercializa ITG Drone Solutions dan resposta á necesidade de automatización e autonomía de UAV e á xestión do tráfico aéreo ou U–Space. O instituto lembra, neste sentido, que xa se lanzaron as solucións DroneSafeBox, un hangar robotizado para voos autónomos ou controlados desde localizacións remotas; DroneSuite, unha plataforma na nube que xunta as ferramentas e utilidades para xestionar, operar e administrar múltiples voos con drons; e a plataforma de xestión de tráfico aéreo ou U-Space Airus Suite.
Estas solucións están “listas para a súa aplicación empresarial”, explica o ITG, salientando que permitirán dar “un salto cualitativo” a operadores de aparellos aéreos non tripulados; empresas con frota de vehículos e equipo de pilotos; empresas de seguridade, control e mantemento de infraestruturas; de vixilancia ou de enerxía. En palabras de David Vázquez González, “queremos converternos nunha marca de referencia para os usuarios de drons e ver como se usan as nosas solucións en contornas da maior esixencia.”
DroneSafeBox
DroneSafeBox é un hangar robotizado que funciona como punto de aterraxe, recarga e comprobación totalmente autónomo permitindo operar en longas distancias ou durante períodos ininterrompidos 24×7. A súa localización en distintos puntos dun percorrido específico permite dotar aos drons de maior autonomía e intelixencia de voo, anticipándose á implementación da normativa europea que permite desprazamentos autónomos e máis aló da liña de vista do piloto. Así, DroneSafeBox proporciona unha maior autonomía e intelixencia de voo en escenarios civís onde as distancias son maiores e as operacións son máis complexas e repetitivas. Esta solución, cuxas últimas actualizacións optimizan e facilitan a operación remota e a fiabilidade no campo, xa foi testada con éxito en simulacros realizados en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias, coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, entre outras.
DroneSuite
DroneSuite é unha tecnoloxía destinada a facilitar a xestión da actividade diaria dun operador de vehículos aéreos nun escenario de alta densidade de voos de aeronaves non tripuladas como o que traerá o desenvolvemento do sector nos vindeiros anos e que permitirá a implementación do novo regulamento de drons. “Mediante diversas utilidades de software integradas entre si e con servizos de terceiros, DroneSuite permite automatizar tarefas, reducir tempos de posta en voo dos drons, procesado automático da información e xerar resultados de forma eficaz cun alto valor engadido e, con todo iso, aumentar a competitividade e beneficios do operador”, explicou o ITG, engadindo que a integración desta ferramenta de monitoriaxe con DroneSafeBox posbilita un control de parámetros de funcionamento e condicións meteorolóxicas, ademais de streaming de vídeo en tempo real desde calquera sistema operativo, xa que se basea nunha ferramenta web.
Xestión de tráfico aéreo ou U–Space
A outra gran liña estratéxica que desenvolve ITG ten como obxectivo “avanzar no desenvolvemento de servizos U-Space que permitan un acceso dos drons ao espazo aéreo eficiente, seguro e xusto, de maneira integrada co resto do tráfico”. Así,, xunto con NTT Data, creou a plataforma Airus Suite, un conxunto de microservicios na nube que facilitan a xestión de tráfico en escenarios complexos, onde a vixilancia é obrigatoria.
O ITG lanza unha spin-off para comercializar as súas solucións dron
Compartir Este Artigo

