
Poderá presentarse a este certame todo o persoal funcionario e laboral ao servizo das seguintes entidades do sector público autonómico: a Administración Xeral da Comunidade Autónoma, as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos), así como as universidades públicas galegas.
O certame consta de dúas categorías: identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración, na que se deberá identificar unha problemática nun servizo prestado á cidadanía e motivar a necesidade e interese da súa resolución; e proxecto coa temática máis innovadora xa realizado ou en curso, na que os participantes deberán describir o proxecto (proceso, puntos fundamentais e carácter innovador). Os galardóns están dotados con 2.000 euros para quen gañe individualmente e 3.000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata 3 persoas.
As candidaturas deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 30 de setembro.
Premiados en edicións anteriores
Na última edición, a de 2021, premiouse un traballo para a mellora na eficiencia do sistema educativo galego co emprego de sistemas de Intelixencia Artificial, así como un software para realizar un teatro máis inclusivo.
No ano 2020 resultaron premiados un proxecto do Laboratorio de Consumo de Galicia para o desenvolvemento dunha aplicación móbil para mellorar o labor de inspección e control dos produtos á venda no mercado e unha iniciativa de Augas de Galicia centrada na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos.
Na primeira edición, en 2019, resultaron premiados proxectos centrados no uso de coches compartidos na Administración autonómica; a utilización de impresión 3D no Laboratorio de Consumo e un sistema de mellora de procesos e fluxos administrativos da Universidade de Santiago de Compostela.
GAIN volverá repartir premios entre os empregados públicos máis innovadores
Compartir Este Artigo

