O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) segue a dar pasos relevantes en materia de formación e intercambio de coñecemento arredor da confluencia entre TIC, xustiza e investigación policial. Así, co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e seguindo o ronsel da exitosa experiencia do ano pasado, o colexio lanzou unha nova edición do seu curso de análise forense en redes e resposta ante incidentes, no marco das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030.
O obxectivo, en palabras do CPEIG, é poñer o foco “nunha temática de máxima actualidade” e mostrar e debullar ante os asistentes as ferramentas para detectar, adquirir e preservar evidencias dixitais. Tamén se lles amosasrán conceptos nos que se basea a análise forense dixital en redes. Ademais, incidirase nos distintos tipos de ciberincidentes e como proceder cando se detectan tendo en conta as súas características diferenciais desde a visión dun experto na materia.
O curso estará dividido en catro sesións de 5 horas cada unha a desenvolver os días 9,10, 16 e 17 de setembro (en horario de 16:00 a 21:00 horas os venres e de 09:00 a 14:00 os sábados).
Perfil, prezo e vantaxes de ser colexiado do CPETIG
O custo desta formación, aberta a todos os perfís relacionados coa Informática e a Enxeñería Técnica Informática, o hipersector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), cargos de responsabilidade en seguridade, auditoras, consultoras, e en definitiva calquera profesional con interese na materia, é de 200 euros. Porén o CPETIG ofrece aos seus colexiados, aos do CPEIG e máis o persoal da AMTEGA, a posibilidade de asistir e obter os coñecementos impartidos de balde, introducindo un código interno que será facilitado por canles propias do colexio.
Ademais, este curso é válido para o acceso ao Corpo Oficial de Peritos do propio CPETIG.
Contidos do curso
As 20 horas lectivas desta formación repartiranse nas seguintes áreas formativas: análise forense de rede; fontes de evidencia; metodoloxía ÓSCAR; topoloxías típicas de rede; conceptos de switching e routing; ataques de rede; despregamento de infraestrutura necesaria; ferramentas de captura de rede: Suite Wireshark; TCPFlows: Ntop-ng e Argus; despregamento de infraestrutura de IDS: snort, suricata, bro e Wazuh; ferramentas de monitoraxe de tráfico; Security Onion; intercepción, captura e análise de protocolos; exfiltración de información; fontes de evidencia: devasas, proxies, WAFs e casos prácticos.
O CPETIG e AMTEGA organizan unha nova edición do curso de análise forense en redes
Compartir Este Artigo

