O conselleiro de Cultura, Educación, Román Rodríguez, deu a coñecer este 30 de agosto novos detalles sobre a estratexia do seu departamento para dixitalizar e transformar a nosa docencia, concretamente a Formación Profesional. Fíxoo durante unha visitas ao Centro Integrado de FP (CIFP) Politécnico de Lugo, onde avanzou que “Galicia dará neste novo curso un novo salto na FP, con máis profesorado e unha aposta pola modernización e a innovación destas ensinanzas que son garantía de emprego, con unha inserción laboral que en FP Dual é case do 100%”.
Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de FP, José Luis Mira, puxo o foco no programa autonómico para a conversión das aulas tradicionais en espazos de tecnoloxía aplicada, ao abeiro do cal o Politécnico de Lugo impulsou o proxecto Aula 4.0, que o conselleiro tivo ocasión de coñecer nos seus detalles. Segundo fixo saber, son un total de 27 os centros de ensino galego que imparten ensinanzas de FP que participan no programa de espazos de tecnoloxía aplicada a través das dúas convocatorias realizadas ata o momento, cun importe total de case 1,5 millóns de euros.
No caso do proxecto do CIFP Politécnico de Lugo, Aula 4.0, colaborouse coa posta en marcha dun espazo pensado para estudar, experimentar e demostrar aspectos da Industria 4.0, simulando as contornas laborais. A aula dispón de recursos didácticos reais e virtuais e software de simulación e de xeración de xemelgos dixitais. Este equipamento permite traballar nas principais áreas tecnolóxicas da dixitalización da industria, centrándose principalmente nas liñas de robótica colaborativa, Realidade Aumentada e Virtual, fabricación aditiva ou a Internet das Cousas (IoT), entre outras.
Até 27 centros de FP participan xa no programa autonómico de espazos de tecnoloxía aplicada
Compartir Este Artigo

