A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, deu a coñecer que a entidade que dirixe vai favorecer a contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos. Farao a través da segunda edición do programa de Doutoramento Industrial co que a Administración autonómica promove a cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e centros de coñecemento en proxectos orientados ás necesidades do tecido empresarial. Achegou esta información durante unha visita (este 30 de agosto) ao Parque do Pasatempo de Betanzos, que está a ser posto en valor pola empresa Parteluz (beneficiaria da primeira edición).
Argerey dixo que o programa Doutoramento Industrial, que chega á súa segunda edición, é unha iniciativa conxunta da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Mediante esta convocatoria, a Administración autonómica investirá 1,89 millóns de euros para apoiar a contratación de 15 doutorandos do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia para que poidan desenvolver a súa tese nunha contorna empresarial.
Segundo subliñou, este programa enmárcase “na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade”, e “trata de posicionar Galicia como destino atractivo para o desenvolvemento da carreira investigadora”. Búscase así promover a colaboración e transferencia de coñecemento, potenciar a formación de mozos e mozas investigadores e posibilitar a súa incorporación ás empresas e centros tecnolóxicos, así como fortalecer a vinculación entre as empresas e universidades galegas.
A primeira convocatoria de Doutoramento Industrial xa permitiu a contratación de 15 estudantes de doutoramento.
O programa, sinalou Argerey, busca apoiar o I+D empresarial, “xa que grazas a esta convocatoria o sector privado pode incorporar investigadores, reforzando así o talento, o emprego de calidade, a mobilidade dos investigadores desde as universidades á empresa, e a transferencia de coñecementos e resultados da investigación”.

