O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC programou para o día 8 de setembro as XIV Xornadas de Formación e as VI Xornadas Internacionais de Educación, Xénero e Igualdade, unha actividade enmarcada no convenio da USC e o Concello a prol da igualdade e que porá o foco en achegar recursos para combater o machismo en Internet nas súas moitas manifestacións.
Baixo o título Des-Educación: Pornografía e Violencias Sexuais as xornadas afondarán en temas como os usos pornográficos en redes sociais e novos medios, a erotización da violencia, ou o desafío que as violencias sexuais, a prostitución e a pornografía supoñen para a educación e a información, e tratarán tamén rol que están a xogar as novas tecnoloxías e plataformas nesta problemática.
A Facultade de Ciencias da Educación da USC no Campus Sur acollerá estas xornadas cuxa inauguración contará coa presenza de Antonio López, reitor da USC; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade de Santiago de Compostela; Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Teresa Moure, directora do CIFEX; e Rita Mª Radl Philipp, directora da actividade.
Especialmente dirixidas ás futuras e futuros profesionais do ámbito da educación, as xornadas están tamén abertas ás entidades que traballan a prol da igualdade, e a todo tipo de persoas interesadas nesta temática e na súa aplicación no ámbito comunitario, social e político do contexto autonómico, estatal e internacional.
A asistencia ten carácter gratuíto e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 7 de setembro, enviando cuberto o formulario de inscrición ao equipo organizador. O programa completo do evento está dispoñible na web da USC, en formato PDF.
O CIFEX da USC convoca unhas xornadas para combater o machismo nas redes
Compartir Este Artigo

