O proxecto da Cidade das TIC continúa avanzando paso a paso cara a súa materialización, e nos vindeiros días poderemos pórlle cara, xa que a Universidade da Coruña vai anunciar en breve o nomeamento de Alfonso Martínez como primeiro director da Cidade das TIC.
O cargo de Martínez como director do campus tecnolóxico científico-empresarial da Coruña figura xa no seu perfil de LinkedIn, polo que agora só resta agardar ao acto no que se dea publicidade a un nomeamento con grande repercusión no futuro do sector TIC galego.
Martínez traballou durante máis de 15 anos no operador de cable R, para despois ocupar distintos cargos en proxectos tecnolóxicos como BySidecar, Muutech e Ingenio Media, exercendo tamén como docente e mentor a través de distintas iniciativas nas que puxo en valor a súa experiencia.
Agora ten como obxectivos coordinar e supervisar os traballos de eleboración do Plan Director da Cidade das TIC, deseñar e pór en marcha a estrutura de goberno da Cidade das TIC e desenvolver numerosas tarefas relativas ao convenio de colaboración da Cidade das TIC.
Alfonso Martínez será o primeiro director da Cidade das TIC
Compartir Este Artigo
