O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, debullou este venres 2 as posibilidades de transformación e innovación que abre o chamado Kit Dixital, programa de axudas enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, e que vén na súa segunda convocatoria cun orzamento inicial de 500 millóns de euros. Miñones animou a todas as empresas de Galicia que teñan entre 3 e 9 traballadores a solicitar os apoios que ofrece o Kit nesta súa segunda convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes iniciouse este venres a través da sede electrónica de Red.es, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e estará aberto durante 12 meses.
O programa ten por finalidade a mellora da competitividade e do nivel de madurez dixital de empresas deste segmento. Como informou o delegado do Goberno, a contía da axuda será de 6.000€ e con ela as pequenas e medianas empresas poderán adquirir as solucións de dixitalización para áreas chave como: sitio web e presenza na Internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; a xestión de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras e ciberseguridade. Ademais, nesta segunda convocatoria, engádense dúas novas categorías como son presenza avanzada na Internet e mercados en liña (marketplace).
O delegado do Goberno mostrouse convencido de que esta segunda fase de axudas á dixitalización de pemes “será tan positiva como a primeira porque as empresas galegas están a desenvolver moi ben o seu traballo e teñen ganas de mellorar tecnoloxicamente e avanzar na súa dixitalización”.
José Miñones recalcou o “enorme acerto que supuxo este programa, tanto no seu obxectivo final, a dixitalización das nosas empresas e autónomos, como no deseño do mesmo, que está a ser extraordinario”. E engadiu: “É un feito que o Plan de Recuperación segue chegando ás empresas, ben sexa para a súa dixitalización, como para ser máis eficientes ou competitivas, con numerosas axudas en marcha e preto de 5.000 millóns de euros de investimento”, valorou.
O delegado lembrou que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, recibiu ata o mes de xullo as solicitudes dunhas 3.500 empresas galegas de entre 10 e 49 traballadores, que son as que poden concorrer á primeira fase cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 15 de setembro. Esta cifra supón o 52% de todas as empresas de Galicia dese segmento. José Miñones valorou que se trata de empresa que “souberon aproveitar a oportunidade do Plan de Recuperación para transformarse e pediron o bono de 12.000 euros co que o Goberno está a promover a dixitalización”.
O programa Kit Dixital completarase cunha terceira fase dedicada a empresas máis pequenas, as micropemes que ou ben non teñen traballadores ou teñen como máximo 3. Estas poderán optar a un bono de 2.000 euros na próxima convocatoria que o Goberno abrirá despois do verán.
As empresas interesadas nesta segunda convocatoria poderán consultar as bases reguladoras e todas as súas novidades no BOE (PDF).
Miñones anima ás empresas galegas a que se acollan ás novas axudas do Kit Dixital
Compartir Este Artigo

