O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou na mañá deste venres 2 de setembro o Concello de Cambre, un dos 16 municipios galegos que poden optar, xunto co catro deputacións, ás novas subvencións para a dixitalización das entidades locais. Segundo lembrou, na convocatoria de 2022, o Ministerio de Política Territorial abre estas axudas para municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes e pon á disposición do territorio galego unha inxección económica de preto de doce millóns de euros. “O obxectivo é que as administracións locais faciliten as xestións á cidadanía, con propostas innovadoras que mellorarán a prestación dos servizos públicos”, destacou José Miñones.
O delegado concretou que no caso de Cambre, que rolda os 25.000 habitantes, o Concello pode beneficiarse dunha axuda dun mínimo de 170.277 euros. Así llo trasladou ao alcalde, Óscar García Patiño, con quen mantivo unha reunión para supervisar os investimentos do Goberno no municipio e escoitar as súas demandas.
José Miñones apuntou que no último ano o municipio recibiu unha inxección económica dun millón e medio de euros do Goberno para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas con actuacións como a renovación da iluminación municipal para mellorar a súa eficiencia enerxética, a extensión da conexión a Internet de alta velocidade ou a loita contra a violencia de xénero.
Para seguir sacan partido da “oportunidade histórica” do Plan de Recuperación, Miñones animou tanto ás catro deputacións provinciais de Galicia como a todos os concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes a solicitar estas subvencións. Segundo recordou, o Ministerio de Política Territorial prefixou xa a contía da axuda á que pode optar cada entidade que cumpre os requisitos, en función das súas características. No caso das entidades locais de Galicia son as seguintes:
• Provincia da Coruña: total 4.921.269,28 euros
• Deputación da Coruña 3.162.774,57
• Concellos de 20.000 a 50.000 habitantes:
◦ Narón 270.405,58
◦ Oleiros 252.944,42
◦ Arteixo 226.662,68
◦ Ames 222.273,16
◦ Carballo 217.599,78
◦ Culleredo 212.448,67
◦ Ribeira 185.883,06
◦ Cambre 170.277,42
• Provincia de Lugo: total 1.588.445,83 euros
• Deputación de Lugo 1.588.445,83
• Provincia de Ourense: total 1.391.678,97 euros
• Deputación de Ourense 1.391.678,97
• Provincia de Pontevedra: total 3.914.954,32 euros
• Deputación de Pontevedra 2.521.745,25 euros
• Concellos de 20.000 a 50.000 habitantes:
◦ Vilagarcía 260.082,59
◦ Redondela 202.451,08
◦ Cangas 184.041,40
◦ Marín 167.840,33
◦ Ponteareas 158.825,89
◦ A Estrada 140.900,86
◦ Lalín 139.903,87
◦ O Porriño 139.163,05
Total Galicia: 11.816.348,4 euros
Obxectivos
As subvencións contempladas na orde publicada no BOE do 1 de setembro destinaranse a financiar proxectos de modernización e dixitalización no ámbito das administracións das entidades locais que se enmarquen nalgunha das seguintes liñas estratéxicas:
• Liña estratéxica 1. Administración orientada ao cidadán. O obxectivo desta liña é mellorar os servizos públicos que prestan as entidades locais, favorecendo o uso e accesibilidade dos servizos públicos dixitais, a modernización dos procesos e a capacitación.
• Liña estratéxica 2. Operacións intelixentes. O seu obxectivo é mellorar a calidade, cantidade e eficiencia dos servizos e procesos de xestión e tramitación das administracións públicas, a través da utilización de tecnoloxías de automatización intelixente (Robotic Process Automation, Artificial Intelligence, etc.).
• Liña estratéxica 3. Goberno do dato. Democratizar o acceso aos datos permitindo o libre acceso á información e a súa replicabilidade, así como o uso dos datos para o desenvolvemento de servizos dixitais de alto valor engadido orientados ao cidadán.
• Liña estratéxica 4. Infraestruturas dixitais. Dotar ás administracións locais das infraestruturas tecnolóxicas necesarias para a súa modernización, contribuíndo a desenvolver a conectividade dixital, a economía do dato e a Intelixencia Artificial nas administracións.
• Liña estratéxica 5. Interoperabilidade de servizos básicos de administración dixital. O obxectivo é garantir a interoperabilidade dun conxunto mínimo de servizos básicos (rexistro electrónico, notificacións electrónicas, facturación electrónica e integración de expedientes abertos e cartafol cidadán do sector público estatal).
Miñones fai un chamamento aos concellos a beneficiarse dos 12 millóns que mobiliza o goberno en materia de dixitalización
Compartir Este Artigo

