Este 3 de setembro formalizouse un importante acordo tecnolóxico entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo: un acordo mediante o cal postúlase a Cidade das Burgas como máis que posible sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AEISA) e que senta os alicerces para acubillar un Centro de Innovación Territorial (cuxa primeira pedra sería a creación, a curto prazo, dunha cátedra para o desenvolvemento sustentable do rural ourensán).
Manuel Baltar, presidente da Deputación avanza que “o Goberno provincial promoverá unha declaración institucional para que Ourense sexa a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, unha cuestión que, sen ningunha dúbida, impórtanos moito”. Respecto ao traballo en común na procura do Centro de Innovación Territorial, o presidente da Deputación explica que “poñeremos en marcha en 2023 esa cátedra cun obxectivo claro a medio prazo: conseguir que a provincia de Ourense acolla o Centro de Innovación Territorial, un traballo en colaboración co Campus de Ourense – Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança, un proxecto transfronteirizo que traerá importantes beneficios para o territorio”.
Baltar salienta a “sintonía absoluta co reitor e todo o seu equipo directivo, por suposto co Vicerreitorado do Campus de Ourense” e sinala que “seguiremos traballando pola provincia con feitos concretos, con grandes posibilidades de acadar estas dúas sedes importantes nun momento en que todo o esforzo da Deputación está centrado nesta alianza co talento representado polo Campus de Ourense e a Universidade de Vigo”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, agradeceu “o completo apoio e receptividade que teñen os nosos proxectos na Deputación” e valorou a AESIA e o Centro de Innovación Territorial como “dúas actividades que poden ser moi importantes para a provincia, dentro dun camiño no que penso que Ourense está moi ben situada”.
Sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial
O Goberno provincial promoverá no vindeiro pleno de setembro unha declaración institucional para que Ourense albergue a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), dentro do proxecto artellado pola Universidade de Vigo que, dentro dun proceso aberto a nivel autonómico, propuxo a posibilidade de situar esta axencia na cidade acadando o apoio da Deputación e o Concello de Ourense.
A concesión desta axencia estatal levaría aparellados ata un centenar de postos de traballo. A Deputación enxalza “a idoneidade desta candidatura, tendo en conta o tamaño de cidade buscado polo Goberno central para este tipo de descentralizacións, o nivel da Universidade de Vigo e o seu aliñamento coas administracións públicas, ademais de contar coas infraestruturas necesarias e a posibilidade de activar valiosas sinerxías cos estudos de Enxeñería Informática e Intelixencia Artificial e co Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia”.
O reitor coincidiu en salientar apoios coma a “magnífica Escola de Enxeñería Informática e as novas titulacións de Intelixencia Artificial”, e engadiu que “nunca tivemos ningunha dúbida en definir a Ourense como o lugar idóneo para situar a AESIA”. Manuel Reigosa destacou o traballo realizado dende a Universidade de Vigo confeccionando esta candidatura e valorou o apoio da Deputación como “un plus que nos vai permitir ser máis competitivos”.
A Deputación e a UVigo fan fronte común para acadar que Ourense sexa sede da AEISA
Compartir Este Artigo

