A UNED-Ourense vén de comunicar a apertura do prazo de matriculación para os cursos de formación permanente da Universidade Nacional de Educación a Distancia, un completo programa de máis de 800 propostas formativas cuxo obxectivo é “manter a aprendizaxe ao longo da vida, mellorar os coñecementos, as aptitudes e a capacitación das persoas”. Un dos obxectivos da UNED foi responder con estes cursos ás esixencias actuais dos diferentes sectores que requiren de profesionais con coñecementos en novas disciplinas, de aí que unha parte moi relevante da listaxe de actividades teña alicerce tecnolóxico (desenvolvemento de aplicacións móbiles, administración dixital, ofimática, estatística con R, diferentes aplicacións da placa libre Arduino, etc).
O período de matriculación para os títulos de formación permanente estará aberto ata o 30 de novembro de 2022. Son máis de 800 títulos agrupados en dous grandes bloques (Posgrao e Desenvolvemento Profesional e Persoal), en función de se contamos ou non cunha titulación universitaria previa.
Os títulos enmarcados dentro dos programas de formación permanente cúrsanse principalmente en modalidade online, aínda que dependendo da especialidade elixida tamén están dispoñibles en modalidade semipresencial. Impártense de decembro a maio e dan lugar a un título propio da UNED, así como ao recoñecemento dos créditos ECTS a que equivalla cada un deles.
Dentro da oferta pódense cursas ofertas englobadas dentro das seguintes disciplinas: Ciencias, Enxeñería e Arquitectura; Ciencias Xurídicas e Administración Pública; Ciencias Sociais, Relacións Laborais e Cooperación; Economía e Xestión Empresarial; Educación, Humanidades e Artes; Informática; Linguas; Psicoloxía; Saúde; e Seguridade e Defensa.
Podemos consultar a listaxe de propostas na web da UNED.
A UNED achega unha manchea de cursos tecnolóxicos en formación permanente e en liña
Compartir Este Artigo

