O primeiro vehículo autónomo de Santiago, desenvolvido no marco do proxecto de Cidade Intelixente do Concello compostelán, o proxecto Smartiago, entrou este mes de setembro na súa fase final. Segundo explicou Vodafone España, adxudicataria da iniciativa, os seus profesionais están a ultimar un Living Lab de loxística de última milla, que contará con dous vehículos eléctricos autónomos para o seu desenvolvemento. A presentación en sociedade destes vehículos levarase a cabo o vindeiro 15 de setembro nun acto que incluirá unha demostración na praza do Obradoiro.
A solución tecnolóxica que está a levar a cabo a operadora baséase nunha plataforma de xestión global, que inclúe o control de acceso a zonas restrinxidas, a monitoraxe de persoas e vehículos e a xestión de prazas de estacionamento. Así mesmo, a iniciativa conta co devandito Living Lab, en palabras de Vodafone, creadora deste laboratorio, “un espazo vivo para asesorar a emprendedores e empresas no uso da plataforma e sobre a súa participación na mesma”.
Entre os obxectivos do proxecto, dotado dun investimento de 662.970,00€, atópanse o de mellorar o transporte de mercadorías no centro da cidade e o de reducir as emisións contaminantes.
Durante os vindeiros meses comezará o proceso de cartografado dixital de distintas zonas do centro histórico de Santiago. Isto dará vía libre á condución autónoma do vehículo e facilitará aos participantes no Living Lab a dispoñibilidade deses mapas para o seu uso noutros vehículos autónomos que pretendan circular pola cidade. Tamén están previstas diversas probas como a repartición autónoma de mercadorías no interior do centro histórico ou o cartografado do subsolo, identificando infraestruturas da cidade co uso dun Georradar.
O vehículo está dotado con sensores LiDAR e cámara para recoñecer o que acontece ao seu ao redor. Ademais, dispón dun sistema de comunicacións que permite a súa monitoraxe e a comunicación con outras infraestruturas da cidade.
No desenvolvemento do proxecto contouse coa colaboración da Universidade de Deusto e da empresa biscaíña Phebus SL. As primeiras probas realizáronse en Barakaldo, Biscaia, onde o vehículo realizou con éxito un mapeado preliminar da zona circundante e levou a cabo un percorrido de forma autónoma.
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela, e está co-financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020; e nun 10% pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Entra na súa recta final o primeiro vehículo autónomo de Santiago, materializado por Vodafone
Compartir Este Artigo

