O Consello da Cultura Galega formalizou este xoves 8 de setembro un acordo coa Asociación Irimia para dixitalizar e poñer na Rede o arquivo completo da revista de pensamento cristián do mesmo nome, dende o seu nacemento en 1981. O acordo foi asinado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a presidenta da asociación, Lucía Santiago, na sede do consello e na véspera da XLIV Romaxe de Crentes Galegos, que se celebra este sábado en Culleredo.
O acordo permite a consulta do máis de 1039 números conforman Irimia. Seminario de crentes galegos, publicación xurdida en 1981. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, explicou que “Irimia documenta a existencia dun movemento de gran transcendencia nunha sociedade galega aberta ao cambio á modernización, tamén de pensamento, ao tempo que recupera a liberdade de desfruta do exercicio de dereitos democráticos que lle foran roubados”.
Engadiu que a dixitalización da publicación “encaixa na liña de traballo da institución de visibilización de fondos hemerográficos dixitais que se suma a proxectos xa consolidados como A saia, o repertorio de prensa da emigración ou máis recentemente, a dixitalización da revista Teima. O semanario Irimia publícase ininterrompidamente desde 1981, primeiro en formato de cuartilla e con periodicidade semanal (1981-1984), despois pasou a ser quincenal (1985-2018) ata chegar á periodicidade actual mensual. Medrou tamén desde as oito paxinas iniciais ata as vinte do último número. Na historia desta publicación hai unha longa nómina de autores e autoras así como escritores e escritoras recoñecidas.
Na web desta entidade definen a súa publicación como “un medio de diálogo entre persoas que comparten o horizonte de Irimia, na súa amplitude e diversidade. É unha ventá de dobre dirección. Abre e comunica persoas e comunidades cristiás con iniciativas e realidades laicas e a estas, á súa vez, ofértalles unha oportunidade de diálogo e coñecemento da utopía cristiá”.

