O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presentou este luns 12 de setembro o Plan de Formación do Profesorado para o curso 2022/23, unha folla de ruta que pon o foco nas novas tendencias educativas internacionais e no mundo dixital, procurando dar reposta aos principais desafíos que estes cambios poñen en xogo.
As 6.200 actividades do plan conforman en palabras do conselleiro “unha oferta diversificada, tanto a nivel de temáticas como de modalidades, que se organiza ao redor de dous eixos, as competencias dixitais e a adaptación aos novos currículos e metodoloxías docentes”. As accións para a mellora e acreditación das competencias dixitais constitúen o 41% das prazas do plan.
No referido ao segundo eixo, que concentra preto do 60% das prazas, está destinado a apoiar o desenvolvemento curricular, a didácticas innovadoras e a inclusión ou linguas, con actividades centradas en proxectos como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, os Polos Creativos, o Plan de Benestar Emocional ou o desenvolvemento da Estratexia de Lingua Estranxeiras.
O Plan de Formación do Profesorado do curso 2022/23 incrementa tanto a oferta, con 6.200 actividades, un 4% máis ca no anterior curso; como as prazas, un total de 95.000, un 12% máis.
Isto vai parello a un aumento no orzamento destinado a este plan, ata superar os 7M€ neste curso en formación do profesorado, un 12% máis ca o curso anterior e máis de 3 millóns máis que no curso 2019/20.
“Trátase dun esforzo orzamentario para poñer a disposición do persoal docente todos os recursos precisos para seguir facendo do sistema galego un exemplo de calidade e equidade, avanzando nos retos presentes e futuros, como son a dixitalización, a innovación educativa e as novas metodoloxías, e apostando por accións formativas que nos permitan reforzar valores como a inclusión, a convivencia ou o plurilingüismo”, incidiu Román Rodríguez.

