O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra acollerán este xoves 15 de setembro, a partir das 11.00 horas, unha xornada de traballo na que se presentarán en detalle os retos do programa Depoinnova. Este plan ten como obxectivo explorar as capacidades de colaboración público-privada coa finalidade de resolver os problemas máis complexos aos que se enfronta o conxunto da provincia. O proxecto co-financiarase con fondos europeos a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e do PERTE de dixitalización do ciclo da auga do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
As entidades interesadas en achegar propostas de solucións para os retos presentados poden facelo ata o vindeiro 28 de setembro, día no que pechará o prazo ás 10.00 horas. No espazo web do programa pódese atopar toda a información sobre o mesmo, ademais da ligazón na que é posible formalizar a inscrición para asistir a este evento que se desenvolverá de maneira presencial.
Son seis os grandes retos que se presentan a través de Depoinnova: a dixitalización do ciclo da auga, a xestión de residuos e a economía circular, a xestión integral de infraestruturas provinciais, a dixitalización da Administración pública provincial, os programas sociais e de emprego e o Museo de Pontevedra do século XXI. O presuposto máximo aproximado para as propostas para a xestión do ciclo da auga é de 10 millóns de euros, mentres que aquelas que sexan para proxectos innovadores non poden ter un orzamento inferior aos 5 millóns de euros.
Para a súa execución empregarase maioritariamente o instrumento de compra pública de innovación (CPI) co fin de promover a innovación como ferramenta clave do desenvolvemento da provincia e para a busca de solucións innovadoras aos retos aos que se enfronta o territorio.
Lembrar que a Deputación convocou o pasado mes de xullo unha consulta preliminar ao mercado co obxectivo de coñecer o nivel de madurez e o estado da arte das potenciais solucións innovadoras que poderían implementarse para resolver os retos que se presentan. Ao evento celebrado para dar o tiro de saída do proxecto acudiron preto de 150 persoas e xa hai máis de 215 persoas inscritas na base de datos do programa, o que demostra, en palabras da entidade provincial, “o grande interese das empresas e centos de investigación”. Este foi o motivo de que a Deputación ampliase o prazo para a presentación de propostas ata o vindeiro 28 de setembro.
O evento deste xoves está artellado arredor de tres mesas de traballo, nas que se explicarán en detalle os retos para os que se buscan solucións, e nas que se poderán resolver as dúbidas que existan arredor deles. Ao remate da xornada celebrarase un café networking, no que as e os participantes terán a posibilidade de aproveitar a ocasión para interactuar e establecer posibles alianzas de cara á preparación das súas propostas.
Os principais retos transformadores da provincia de Pontevedra centran este xoves unha xornada de Depoinnova
Compartir Este Artigo

