A Escola Superior de Enxeñaría Informática (Campus de Ourense) dá continuidade este outono ao seu papel de espazo referencial galego en materia de investigación e divulgación tecnolóxica. Sen ir máis lonxe, acolle estes días unha xuntanza sobre deseño intelixente (design thinking) e fabricación dixital na que participan unha vintena de persoas.
A cita abéirase ao proxecto NovaTFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras), que aposta por fomentar novos modelos de negocio arredor das tecnoloxías facilitadoras esenciais, especialmente as vinculadas á fabricación avanzada (fabricación aditiva e fábrica 4.0) e TIC (fábrica 4.0, Internet das Cousas e Cidades Intelixentes).
No marco da súa programación, desde o pasado día 5 e ata o 15 de setembro desenvólvese o devandito programa formativo na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, socia do proxecto.
En NovaTFE participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), o Concello e a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). O orzamento total deste proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal Interreg POCTEP alcanza os 811.200 euros, contando con 762.874,50 euros de financiamento FEDER, dos fondos europeos de desenvolvemento rexional.
Dentro da programación de NovaTFE está o desenvolvemento do proxecto formativo Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais. Design Thinking e Fabricación Dixital, organizado e financiado pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. A iniciativa xorde co obxectivo de fomentar a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e o achegamento ás novas tecnoloxías facilitadoras no eido da fabricación dixital. Especialmente dirixido a persoal de pequenas e medianas empresas e a emprendedoras e emprendedores, a actividade “propón unha visión empresarial e industrial dos procesos de innovación encadrados na metodoloxía design thinking e das aplicacións de tecnoloxías como a impresión 3D, o escanado ou a mecanización CNC”. A actividade no campus de Ourense, que consta de 50 horas de formación presencial e é gratuíta, dá continuidade a outra celebrada o pasado mes de agosto no Laboratorio de Experimentación e Prototipado NovaTFE do Salnés, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
Unha vintena de persoas fórmase na ESEI de Ourense en fabricación dixital
Compartir Este Artigo

