Volve unha das feiras máis importantes e históricas do panorama tecnolóxico galego: GaliciaTIC. A edición 2022 celebrarase os días 19 e 20 de outubro en Santiago de Compostela (Edificio Museo Gaiás da Cidade da Cultura), contando como temática central o Crecemento, Dixitalización e Eficiencia. Organiza Ineo.
O evento levarase a cabo novamente en modalidade mixta, coa posibilidade de asistencia virtual. Porén, a organización lanza un convite ás persoas interesadas para que retomen a vontade de asistir en persoa.
Este ano, GaliciaTIC cumpre 20 anos e así, ademais das actividades habituais, vén con algunhas novidades.
A continuación damos conta dalgunhas das principais actividades:
-Feira de Emprego. Durante a tarde do mércores 19, coa participación de mais de 100 alumnas e alumnos de diferentes centros galegos de Formación Profesional en ámbitos TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), e na poderán participar as empresas a través dun stand de seu.
-Mesa Ineo. Celebrarase durante a mañá do xoves 20 de outubro, da man da asociación de empresas tecnolóxicas Ineo. Nela poderán intervir aquelas firmas socias que queiran expor os seus produtos e/ou servizos tecnolóxicos.
-Showroom virtual. As empresas poderán expor un produto, servizo ou experiencia tecnolóxica. De ser un elemento físico, exporase no propio lugar do evento, mentres que si é un contido virtual subirase á canle de Youtube de GaliciaTIC. Posteriormente dinamizarase en redes sociais, de cara a unha maior repercusión e visibilidade.
-Comida de clausura, o xoves ás 14:30h, na que se fará unha entrega de premios ás entidades que levan máis tempo apoiando GaliciaTIC. Contarase coa presenza de autoridades e patrocinadores.
O 19 de outubro volve GaliciaTIC, que cumpre 20 anos de andaina
Compartir Este Artigo

