A operadora de telecomunicacións R entregará este sábado 17 o galardón Galicia R á mellor curtametraxe galega do certame FICBueu, Festival Internacional de Cinema de Bueu. Este premio abéirase á aposta de R polo desenvolvemento socio-cultural de Galicia, unha aposta que en palabras da empresa “mantense intacta dende o inicio da súa andaina e excede as fronteiras do meramente tecnolóxico” e responde tamén “ao impulso e produción de novas iniciativas audiovisuais do país”.
As curtametraxes galegas que optan ao premio Galicia R son traballos desenvolvidos na comunidade e/ou por directores/as galegos/as no último ano. Nesta edición número 15 do certame compiten polo galardón catro curtas enmarcadas na sección Galicia R, que se desenvolve o sábado 17 ás 19:00 h.
O xurado terá nesta ocasión que decidirse por algunha das seguintes creacións audiovisuais de metraxe curta: O niño dos paxaros (2021), de Lucía Estévez; O sementador de estrelas” (2022), de Lois Patiño; Rompente (2022) de Eloy Domínguez Serén, e Así virá a noite (2022), de Ángel Santos.
Alfredo Ramos, director da operadora de telecomunicacións, entregará o premio Galicia R no acto do FICBueu 2022, que comezará ás 21:15 h do mesmo sábado 17. Ao encontro asistirán os autores e as autoras que teñan formado parte desta décimo quinta edición do festival e os/as integrantes dos distintos xurados das seis categorías concorrentes: Primeiro Premio, Segundo Premio, Premio do Público, Premio Descubertas, Premio R á mellor curtametraxe galega e Premio á mellor curtametraxe española.
R patrocina novamente o premio á mellor curta galega no FICBueu
Compartir Este Artigo

